CIG cualifica de "erráticas" as medidas dos gobernos español e galego nesta crise

Reclama que o financiamento do Estado pase pola aprobación de impostos as grandes fortunas, grandes empresas ou a nacionalización de sectores coma o enerxético.
Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra (Nós Diario)
photo_camera Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra . Imaxe de arquivo (Nós Diario)

O vindeiro 10 de abril, baixo o lema #QueEscoiten, a Confederación Intersindical Galega convocou unha cazolada ás 12 horas para protestar ante as medidas en materia de emprego aprobadas polo Executivo estatal.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a decisión do Goberno estatal de paralizar a actividade económica foi mudando de postura durante os últimos días. O cese, anunciado o pasado sábado polo presidente do Executivo estatal e apoiado pola Xunta da Galiza, foi matizado despois da aprobación do real decreto que o regula. “Abriuse a man a que se reactive a actividade en sectores ou empresas que non tiñan inicialmente esa consideración de esenciais”, afirma Carril.

Alén da industria electrointensiva, caso de Alcoa, o Ministerio da Industria especificou outra excepción para “as persoas traballadoras das actividades de importación e exportación”. Unha decisión “inadmisíbel” para o secretario xeral do sindicato, pois non se refire estritamente a bens esenciais ou alimentos “colocándose no centro a taxa de ganancia do capital”.

A central sindical tamén cualificou de “grave e inxusto” o desvío de fondos destinados á Formación Profesionais ou a alimentar os plans de pensión para financiar prestacións ou subsidios. “Do que se trata é que fagas uso deses cartos, se estás nesa circunstancia, para pagarte a ti mesmo”, censura Carril, para quen os cartos destínanse así a compensar a diminución de ingresos causada polo cese de actividade ou o desemprego.

A solución, segundo o secretario xeral, pasa por “modificar a carga fiscal para as grandes empresas, as grandes fortunas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas, para financiar medidas extraordinarias de acordo cos principios de igualdade e progresividade”.

Actuación do Goberno galego

O secretario xeral dacentral nacionalista lembra a responsabilidade da Xunta da Galiza na carencia en persoal e medios de protección na sanidade pública ou na rede de residencias de maiores. A CIG censura que a Xunta asumise a xestión da sanidade privada, que considera “infrautilizada” ao tempo que anuncia a instalación de hospitais de campaña en urbes galegas.

Carril valora que o Goberno galego renunciou a exercer as súas competencias cando amosou a súa conformidade “coa suspensión do autogoberno decretada polo Executivo español”.

Comentarios