A policía detén un traballador do metal antes da saída da manifestación do sector en Vigo

A sexta xornada de folga busca “forzar” a patronal a negociar o convenio

Policías 'cargando' sobre os manifestantes, nunha mobilización do sector do metal en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Policías 'cargando' sobre os manifestantes, a pasada quinta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A sexta xornada de folga do metal comezou coa detención dunha persoa por “resistencia e desobediencia” aos axentes da Policía española, segundo confirmaron fontes policiais.

A detención produciuse momentos antes de que saíse a manifestación convocada polos sindicatos CIG, UXT e CCOO en Vigo, que iniciou a súa marcha sobre as 11.20 horas na rotonda das Industrias Conserveiras, fronte o antigo estaleiro Hijos de J. Barreiras.

Tamén na xornada da quinta feira as forzas policías reprimiron a mobilización dos traballadores do sector, resultando feridas varias persoas.

Os manifestantes percorren na mañá desta sexta feira as rúas da cidade, pasando pola avenida da Coruña, avenida Castelao e Tomás Paredes, coa intención de finalizar na alameda de Suárez Llanos, en Bouzas, onde se decorrerá unha asemblea para analizar a evolución dos paros e decidir os posíbeis pasos a seguir.

Todo iso no contexto da negociación do convenio colectivo, que segue bloqueada ante a negativa da patronal para sentar á mesa se non se desconvocan as mobilizacións.

 

Comentarios