A poboación ocupada de 16 a 34 anos caeu en 171.000 persoas desde 2009

A poboación ocupada entre 16 e 34 anos diminuíu en 171.000 persoas nos últimos 13 anos. Se en 2009, cando Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta, a Galiza contaba con 386.500 persoas ocupadas nese grupo de idade, á volta de xuño de 2022 o país non superaba as 214.800, desaparecendo neses 13 anos 44,2 % do emprego xuvenil. Dos 214.800 asalariados de xuño deste ano, 36.900 sitúanse entre 16 e 24 anos e 177.900 entre 25 e 34 anos, destruíndose 44.800 postos de traballo no primeiro dos tramos e 126.200 no segundo.
6,7% das persoas menores de 35 anos traballan no sector da construción. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 6,7% das persoas menores de 35 anos traballan no sector da construción. (Foto: Nós Diario)

O emprego xuvenil caracterízase pola súa parcialidade e temporalidade, o que explica a facilidade para destruír emprego nos ciclos económicos recesivos. Neste sentido, 72,3% da poboación menor de 35 anos ocúpase no sector servizos, desenvolvendo a súa actividade no mesmo 153.800 mozos e mozas. A continuación, 17,1%, 36.700 menores de 35 anos, traballan na industria, 6,7%, 14.900, na construción, 3%, 6.500, na agricultura e 1,4%, 3.000, na pesca e acuicultura.

A terceira peor taxa de actividade no Estado

A Galiza atópase á cola do Estado español en taxas de actividade no grupo de 16 a 34 anos. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), referidos ao segundo trimestre de 2022, o país rexistra a terceira menor taxa de actividade neste grupo de idade, só presentando uns datos peores Asturies e Cantabria. Neste sentido, a taxa de actividade xuvenil galega é de 59%, fronte a 63,9% da media estatal.

A fenda é aínda maior ao tomar como referencia Catalunya, con 69%; e Madrid, con 67,5%; que lideran este índice no Estado, pero tamén é importante en relación con outros territorios cunha lóxica demográfica semellante e un nivel de desenvolvemento análogo, como Castela e León, cunha diferenza de practicamente catro puntos.

A perda de emprego xuvenil é anterior á pandemia. O Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, presentado a 27 de maio de 2021 polo Consello Económico Social (CES), analiza o peor comportamento do emprego na mocidade durante a Gran Recesión. Así, recolle que "mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011 e de feito incrementouse en 0,4%, neste curto período prescindiuse de unha de cada tres persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos. Xa en 2019, con relación a 2008, o emprego asalariado de máis idade aumentou 7,9% mentres que o máis novo caeu 51,6% para o colectivo de 16 a 24 anos e 45,3% para o de 25 a 29 anos".

A destrución do emprego xuvenil vai da man coa caída poboación nesta faixa da idade. Así, no terceiro trimestre de 2009, 855.700 persoas situábanse entre 16 e 35 anos, representando 27,2% do total da poboación. Transcorridos 12 anos, en xuño de 2022, a cifra reduciuse a 436.600 persoas, ficando en 19,3% do censo. Neste caso, 92.900 persoas atópanse entre 16 e 19 anos, 121.100 entre 20 e 24 anos, 116.500 entre 25 e 29 anos e 132.100 entre 30 e 34 anos.

Aliás, a caída do emprego xuvenil ten provocado unha baixa importante da poboación entre 16 e 34 anos, como consecuencia, esencialmente, da emigración. A este respecto, o novo éxodo galego, fundamentalmente cara á Unión Europea, presenta características novidosas, até o punto que 10% dos titulados superiores da Galiza entre 25 e 34 anos residen fóra do país. Nesta dirección, o profesor da USC Isidro Dubert sinala que esta nova vaga migratoria de mozos e mozas, cuxa partida asume formas acordes cos novos tempos, tamén constitúe unha importante e inestimábel perda de capital humano".

Emigración xuvenil

371.637  persoas, 80.000 delas menores de 30 anos, abandonaron Galiza desde 2009. As cifras recollidas no histórico do Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistraron, entre 2009 e 2021, 243.971 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 121.623 a outras partes mundo.

Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período, supera os residentes de cada unha das sete cidades galegas, a poboación total da provincia de Lugo, con 327.847 habitantes en 2021, ou de Ourense, con 306.802 persoas nesa anualidade.

Comentarios