O plantel de Urbaser denuncia na Fiscalía a "vulneración" do seu dereito a folga

O paro no servizo de recollida de lixo continúa, após unha semana. Traballador@s e comité de folga presentaron denuncia na Fiscalía contra o concello, Tragsa, a policía local e os bombeiros.

10367126_766889396697162_3728236223361591797_n
photo_camera [Imaxe CIG-Lugo]

Unha semana de paro entre o plantel de Urbaser en Lugo deu para moito. Após anunciaren unha folga de carácter indefinido por mor da conxelación salarial que padecen @s traballador@s desde 2011, 10 empregad@s foron despedid@s e o comité de folga ao completo foi sancionado. Mais a cousa non ficou aí. O Concello de Lugo non quixo que os medios de comunicación, nen a veciñanza nen moito menos @s turistas que se achegaron até a cidade esta fin de semana visen o conflito e o lixo acumulado nas rúas polo que decidiu contratar a Tragsa para que retirase as bolsas e contedores

Para alén disto, o responsábel de Urbaser atropelou co seu vehículo a unha sindicalista de UXT que rematou no hospital froito das lesións. 

Esta segunda feira, a representante sindical anunciou que a cantidade que lle sexa retribuída pola súa baixa laboral irá destinada a sufragar os custes económicos que está a ter o paro entre as traballadoras e traballadores de Urbaser. Un plantel que presentou tamén denuncia perante a Fiscalía pola "vulneración" que supón "do dereito a folga" as últimas decisións adoptadas polo Concello de Lugo. 

A denuncia presentada diríxese contra a administración local, a empresá pública Tragsa, a Policía, os Bombeiros e "todos os particulares" que nestes días retiraron o lixo da cidade. Así o anunciou a representante do comité de empresa, Carmen Antas (CIG), á saída dos Xulgados.

Policía e Tragsa recollendo o lixo

E é que con motivo do Arde Lucus, o goberno de Orozco apurou en contratar os servizos de Tragsa para recoller os desperdicios que se acumulaban na cidade amurallada. Para iso, a policía e os bombeiros acompañaron @s camións e mesmo algunha que outra persoa empregou o seu vehículo para transportar o lixo a concellos limítrofes. 

Tragsa retirou os desperdicios en 8 puntos da cidade e non unicamente nos 3 que Sanidade coidou prexudiciais para a saúde

A empresa contratada polo concello tiña por obxecto, dixeron, retirar o lixo dos puntos sinalados por Sanidade como prexudiciais para a saúde pública, mais estes eran 3 e non 8 como finalmente aconteceu. Desde o comité denuncian que os desperdicios retirados coincidían con hoteis, supermercados e administracións públicas.

A decisión do goberno local veuse a sumar ao decreto de servizos mínimos imposto @s traballador@s e que obrigaba o plantel a cumprir un 100% dos mesmos. Algo "abusivo", sinalaron desde o comité de folga que finalmente foi expedientado na súa totalidade. 

Após unha semana de folga, o plantel de Urbaser mantén --por unanimidade-- o paro con carácter indefinido e rexeita volver ao traballo ou negociar se non son readmitid@s @s 10 traballador@s despedid@s. Porén, o alcalde de Lugo, José López Orozco, ameazou con rachar o contrato que adxudica o servizo a Urbaser embora el propio recoñecer que sería "difícil". 

Comentarios