Unha pioneira sentenza recoñece o dereito dunha empregada do fogar a cobrar paro a pesar de o pedir cando non estaba permitido

A Sala do social do TSXG incidiu en que o colectivo ao que pertence a demandante está "fortemente feminizado, pois as mulleres representan 95,53% do total".
Unha empregada do fogar nunha foto de arquivo (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Unha empregada do fogar nunha foto de arquivo (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu unha sentenza pioneira no Estado español na cal declarou o dereito dunha empregada do fogar para percibir as prestacións de desemprego contributivo antes da entrada en vigor da lexislación que o permite -Real Decreto Lei 16/2022 para a mellora das condicións de traballo de persoas traballadoras ao servizo do fogar-.

Esta sentenza admite o recurso da demandante e revoga a resolución en primeira instancia ditado polo Xulgado do Social número 6 da Coruña. O alto tribunal galego entende que esta muller ten dereito ás prestacións, a pesar de que a lexislación vixente no momento da solicitude non o permitía, por aplicación da perspectiva de xénero e da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que provocou o cambio normativo no Estado. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpor recurso de casación.

Os maxistrados explican na resolución que a normativa española que excluía as persoas empregadas do fogar do acceso ao subsidio de desemprego -vixente no momento dos feitos- era "contraria á normativa comunitaria".

Na resolución, lembran que esta persoa, afiliada ao Sistema Especial para Empregados do Fogar até o 4 de agosto de 2022, cotizara 2.361 días neste réxime e dous días ao Réxime Xeral da Seguridade Social. Ao solicitar o seu subsidio de desemprego, foille denegado porque non estaba previsto para as persoas empregadas do fogar, pois o decreto entrou en vigor o 9 de setembro de 2022.

A Sala do social incidiu en que o colectivo ao que pertence a demandante está "fortemente feminizado, pois as mulleres representan 95,53% do total". O TSXG destacou que o novo réxime, aprobado na Real Decreto Lei 16/2022, resolve esa discriminación para as prestacións producidas a partir da súa entrada en vigor, "deixando na mesma e idéntica situación anterior ás eventuais prestacións causadas con anterioridade".

Ademais, recalca que a perspectiva de xénero na interpretación da normativa e a obrigación da xurisprudencia do TXUE "obrigan a amparar as persoas traballadoras integradas nese sistema especial cando a perda do seu emprego se producise con anterioridade ao novo réxime e estean desprotexidas". Todo iso, segundo a sentenza, leva os xuíces do TSXG a recoñecer o dereito da afectada á prestación de desemprego "a pesar de que non cotizou por ela (debido á imposibilidade legal, discriminatoria)".

"Interpretación favorábel"

"É preciso ter en conta, dunha parte, que a normativa española que excluía a cotización (e o desemprego) para as persoas traballadoras integradas no Sistema Especial para Empregados do Fogar é contraria ao dereito comunitario por discriminatorio, e que dita situación non se solucionou coa reforma operada pola Real Decreto Lei 16/22 porque non resolve o problema dos posíbeis beneficiarios anteriores, senón soamente dos feitos causantes posteriores á súa entrada en vigor", incide o TSXG.

A sala conclúe na súa argumentación que: "A interpretación da normativa debe producirse na forma máis favorábel ao colectivo discriminado (o das persoas integradas nese sistema especial), con perspectiva de xénero, porque é indiscutíbel o rumbo feminino das súas integrantes na súa case totalidade; e, ademais, na aplicación e interpretación das normas os xulgadores temos unha obriga de facelo con perspectiva de xénero, ao integrar un valor superior do ordenamento xurídico".

Comentarios