Persoal de Vitrasa convoca novas xornadas de folga para reclamar a negociación do convenio

Desde a representación sindical lembran que tras 31 días de mobilizacións ininterrompidas (que se iniciaron hai xa máis de dous anos), Vitrasa négase a negociar un novo convenio que poña fin ao conflito “aludindo a importantes perdas económicas e á falta dun reequilibrio económico por parte do Goberno local”.
Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, desenvolverá novas xornadas de folga de 24 horas os próximos días 20 de outubro e 1 de novembro para reclamar a negociación do convenio colectivo.

Coincidindo co paro desta sexta feira ten convocada ademais unha manifestación con saída de Praza América ás 09 horas e outra desde o cruzamento dos Choróns ás 19.

Desde a representación sindical lembran que tras 31 días de mobilizacións ininterrompidas (que se iniciaron hai xa máis de dous anos), Vitrasa négase a negociar un novo convenio que poña fin ao conflito “aludindo a importantes perdas económicas e á falta dun reequilibrio económico por parte do Goberno local”.

Neste sentido, sinalan que a disputa que manteñen a empresa e o Concello desde hai anos por este reequilibrio é consecuencia da falta de previsión na prórroga da concesión asinada por ambas as partes “de forma precipitada e temeraria”.

Así, consideran que este erro é a orixe dun conflito que parece non ter fin e que causa graves prexuízos a persoas usuarias e traballadoras.

“Excluíndo o apartado económico, observamos unha complicidade entre ambas as entidades, xa que o Goberno local permítelle á empresa incumprir o prego de condicións: eliminando liñas (C2, N2, PMR), reducindo frecuencias (realizando menos quilómetros nas liñas C3, L4, L5, L24, L16, L11, L15 e L27), non renovando a frota tal e como se acordou, excedendo a antigüidade máxima estabelecida dos autobuses, etc.” De modo que lle facilita “un gran aforro” nos custes da explotación.

"Importante redución"

Por todo isto, no comité sospeitan que na próxima concesión, co obxectivo de ofrecer unha rendibilidade que interese ás empresas concursantes, o servizo do transporte urbano sufrirá unha importante redución que afectará especialmente a liñas e horarios deficitarios.

Finalmente, instan a compañía e o Concello a pronunciarse “de forma clara” sobre a situación actual, “xa que nos parece insostíbel para a cidadanía”.

Comentarios