Ensino

Persoal de escolas infantís maniféstase en Vigo e na Coruña para exixir un "convenio xusto"

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO-Ensino e SNEP deron comezo esta quinta feira á primeira das catro xornadas de folga convocadas nas escolas infantís de 0 a 3 anos "ante inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil".
Mobilización de persoal de escolas infantís esta quinta feira en Vigo (Foto: Pedro Davil / Europa Press).
photo_camera Mobilización de persoal de escolas infantís esta quinta feira en Compostela (Foto: Pedro Davil / Europa Press).

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO-Ensino e SNEP deron comezo esta quinta feira á primeira das catro xornadas de folga convocadas nas escolas infantís de 0 a 3 anos "ante inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil".

Coincidindo con este primeiro día de paro, persoal das escolas infantís mobilizouse esta quintta feira en dúas manifestacións na cidade da Coruña e de Vigo convocadas por estes tres sindicatos. As próximas xornadas de folga e as conseguintes mobilizacións serán o próximo día 25 de outubro así como o 8 e o 15 do vindeiro mes de novembro.

"As organizacións sindicais convocantes manifestamos o noso total e absoluto malestar coa marcha das negociacións actualmente, que se iniciaron hai máis dun ano, nas cales as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector. Tamén denunciamos o incumprimento do compromiso alcanzado en xullo e a ruptura da unidade sindical para voltar ao entreguismo, por parte de UXT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país", sinalaron a través dun comunicado.

Os tres sindicatos convocantes aseguraron nese mesmo comunicado ao que tivo acceso Nós Diario, que na decena de reunións da mesa negociadora que tiveron lugar, puideron comprobar que "as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas".

"Cambio de rumbo"

"Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta canto antes o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. Chamamos á responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector", aseveran ao tempo que aproveitan para subliñar que as propias patronais "negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector".

Comentarios