O PP rexeita ampliar a Atención Temperá e a rede de escolas infantís

O PSdeG critica "desigualdade" nas prestacións.
Comisión de sanidade e política social do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza).

A portavoz de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, esixiu onte á Xunta no Parlamento que garanta a Atención Temperá á totalidade dos nenos e nenas de 0 a 6 anos que o precisen. Ortega fixo esta petición a través dunha iniciativa na comisión de Sanidade que tivo o apoio do BNG mais foi rexeitada polo voto en contra do PP. 

Ortega lembrou que a Xunta “ten a competencia e a obriga moral” para atender todas as crianzas que o precisen, mais “ten que ter ademais a responsabilidade e a sensibilidade” para prestar un servizo que actualmente está “mal dimensionado e mal repartido”. 

A deputada socialista levou ao Parlamento as demandas da Asociación Galega de Atención Temperá, que alertaba da desigualdade nas prestacións dos pequenos en función da súa residencia. Así, durante a súa intervención denunciou que a Xunta da Galiza dedica entre 21 e 410 euros por neno en función do territorio.

O servizo de Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e contorna, que ten por obxectivo responder ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Rede pública

 Por outra parte, e nesa mesma comisión, o PP tamén impediu que se aprobase a proposición presentada polo BNG para incrementar as prazas de escolas infantís ante "a grande demanda de pais e nais que precisan conciliar". Olalla Rodil sinalou que na Galiza hai "un déficit" de prazas, especialmente públicas, e denunciou que nestes seis anos o Goberno do PP  só construíu dous  centros "Galiña azul", o que é "claramente insuficiente". A iniciativa contou co apoio do PSdeG.

Comentarios