Persoal de ElectroRayma pide á Xunta financiamento

O comité da empresa entregou no edificio administrativo da Xunta unha petición para que actúe o Igape. Denuncian que se lles adebedan dúa mensualidades do soldo. 
Traballadoras e traballadores de ElectroRayma, Navantia e auxiliares manifestándose por Ferrol.(Foto: Europa Press)
photo_camera Traballadoras e traballadores de ElectroRayma, Navantia e auxiliares manifestándose por Ferrol. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa da compañía ElectroRayma, con máis de trinta anos de actividade no ámbito da electrónica e electricidade, demandou á Xunta, a través do Igape, que "tente dar unha vía de financiamento para a empresa". 

Foi a petición que realizou esta sexta feira o presidente deste colectivo, Roberto Montero (CIG), á saída dunha nova mobilización que se desprazou desde a porta principal de Navantia Ferrol até o edificio administrativo da Xunta onde rexistraron dita petición dirixida ao Goberno galego. 

Piden que lles "axuden a formar unha mesa de negociación para que se poida chegar a un acordo con Navantia", xa que a auxiliar presentou unha demanda por até 4,7 millóns de euros pola débeda da empresa naval relacionada cos traballos realizados na construción dos AOR para a Armada de Australia. 

O persoal continúa sen cobrar as dúas mensualidades que se lles deben, a extraordinaria de verán e a nómina de setembro

Montero detallou que a parte social foi coñecedora da existencia de "unha carta de  ElectroRayma pedindo unha reunión á que Navantia contestou, o que pasa que sen data, ao que a nosa empresa propón ese encontro para luns e martes e tamén que na mesma estean presentes os axentes sociais".

Segundo tivo coñecemento o comité, "existe unha acta de Navantia, da época na que estaba o anterior director, onde se pedía unha taxación externa e xa se recollía que se utilizaría na negociación para traballar a partir do mesmo, o que non entendemos é porque ese documento quedou nunha mesa".

Noutra orde de asuntos, Roberto Montero detallou que o persoal continúa sen cobrar as dúas mensualidades que se lles deben, a extraordinaria de verán e a nómina de setembro.

Ademais, sinalou que para este venres "está programada unha reunión en Facenda, para tratar de levantar o embargo que pesa sobre a empresa e desta forma poder cobrar algunhas facturas que están bloqueadas".

Comentarios