Alertan da posíbel desaparición de ElectroRayma por problemas de liquidez

A comarca de Ferrol suma así unha nova ameaza para o seu tecido industrial. Malia que a firma traballa como auxiliar nos astaleiros de Navantia, tamén ten outras liñas de negocio.

Protesta do persoal de ElectroRayma ás portas do astaleiro ferrolán. (Foto: Europa Press) #industria #traballo #ferrol #astaleiros #navantia #electrorayma
photo_camera Protesta do persoal de ElectroRayma ás portas do astaleiro ferrolán. (Foto: Europa Press)

O presidente do comité de empresa de ElectroRayma, Roberto Montero, vén de advertir que hai 150 postos de traballo en risco pois a empresa corre o risco de desaparecer por problemas de liquidez.

Montero anunciou que haberá mobilizacións para evitar un hipotético fechamento.

"Non se queren sentar na mesa para negociar e, cando o fan, non hai cambios de posturas", lamentou sobre as conversas entre a representación das empregadas e a empresa ás portas do astaleiro de Ferrol, onde participou nunha concentración.

Neste contexto, hai un conflito aberto cos astaleiros de Navantia para os que ElectroRayma traballa como auxiliar.

Esta última reclama até 4,7 millóns de euros por varias obras pero, ante a carencia dun diálogo, o persoal pensa facer presión.

Preguntado pola demanda polo pago polos traballos realizados na construción dos dous buques de tipo AOR para Australia por modificacións na obra, rexeitou pronunciarse ao asegurar que non ten a información suficiente sobre o asunto.

"A empresa está en concurso de acredores e a solución pasa por un acordo entre Navantia e ElectroRayma, facendo desta forma viábel que 150 familias poidan seguir traballando e cobrar os salarios ao día", resumiu, para asegurar que a compañía lle debe ao persoal a paga extra do verán.

Sexa como for, este novo conflito empresarial volve ameazar o futuro industrial da comarca, xa moi afectada por despedidas de grandes industrias nas Pontes ou nas Somozas.

Comentarios