Denuncian un novo caso de "represalias" na CRTVG contra un redactor

Unha sentenza declarou traballador indefinido o redactor David Fernández, mais a Corporación optou por indemnizalo e despedilo no canto de readmitilo. A ollos do comité intercentros da CRTVG, esta decisión é unha represalia "clara, indignante e intolerábel" por acudir en calidade de testemuña ao xuízo polo "traslado forzoso" de medio doutros compañeiros e compañeiras.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha recente comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha recente comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

Na xornada previa á declaración nos xulgados de Santiago de Compostela de tres directivos da CRTVG por un presunto delito de acoso laboral, o comité intercentros da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) denuncia esta terza feira un novo episodio de "represión" nos medios públicos contra traballadores e traballadoras "díscolas" que lle "plantan cara á dirección" ou que se "opoñen ás prácticas de manipulación informativa".

Desta volta, sinalan a través dun comunicado de prensa, trátase do redactor David Fernández Vázquez, quen, malia ser declarado por un xulgado do social de Compostela o pasado novembro traballador indefinido, ao se considerar improcedente o seu despedimento en abril, a CRTVG "optou por indemnizar en vez de readmitir", algo que aseguran que "nunca sucedera nesta categoría laboral", que é "a que máis contratación temporal xera".

Para o comité, que lembra que cando se determina a improcedencia dun despedimento as empresas poden escoller entre indemnizar ás traballadoras ou despedilas, o caso de Fernández é "unha clara represalia", non só "porque non haxa precedentes deste proceder na CRTVG na categoría de redactor", senón porque se dá a circunstancia de que este redactor declarou como testemuña nos recentes xuízos polo "traslado forzoso" de medio doutros compañeiros e compañeiras, nomeadamente Alberto Ordóñez, Mónica Rosas, Nuria López e Mayte Cabezascaso do que informou Nós Diario—, que o comité tamén cualificou de represalias e tiveron gran repercusión mediática.

David Fernández, "con máis de dezasete anos de vinculación temporal precaria" coa TVG, gozaba no momento do seu traslado da televisión á radio dun contrato de substitución dunha baixa laboral que rematou poucos días despois dese movemento, cando Fernández "xa se atopaba de baixa polo cadro de ansiedade que lle provocou verse involucrado indirectamente, segundo lle dixeron, no conflito", sinala a representación das e dos traballadores.

A CRTVG prometéralle a este traballador "estabilidade", afirman, ao tratarse tamén do primeiro redactor dispoñíbel das listaxes de contratación temporal desta categoría laboral; porén, a Corporación "só o chamou para unha substitución estival de días", polo que Fernández presentou unha demanda por despedimento e declarou como testemuña nos xuízos polos traslados.

"A empresa non só volveu contar con el, bloqueándose casualmente os chamamentos da listaxe de contratación da categoría de redactor cando chega até o seu nome, senón que agora que obtén unha setenza favorábel que o declara traballador indefinido decide, contra o propio criterio habitual da Corporación, non readmitilo", censuran. Para o comité, trátase dunha represalia "clara, indignante e intolerábel".

O comité intercentros informa de que pediu, "sen éxito", á dirección de recursos humanos que subsanase esta acción que cualifican de "reprochábel e impropia dunha empresa pública", que supón ademais "unha dilapidación de cartos inxustificábel aotratarse dun traballador moi ben situado na listaxe de contratación que a Xustiza vén de declarar indefinido por uso abusivo e fraudulento da contratación temporal". O traballador tamén optou por recorrer a sentenza, "na procura da nulidade dese despedimento".

Comentarios