Persoal de Adif convoca folga para os vindeiros días 20 de marzo e 10 de abril

A implantación dunha xornada de 35 horas semanais ou a compensación da perda de poder adquisitivo pola inflación son algunhas das demandas.
Tren na liña Guillarei-Tui, nunha foto de arquivo (Foto: Adif).
photo_camera Tren na liña Guillarei-Tui, nunha foto de arquivo (Foto: Adif).

A área ferroviaria da Confederación Xeral do Traballo (SFF-CXT) aprobou a convocatoria de dúas xornadas de folga para os vindeiros días 20 de marzo e o 10 de abril, co obxectivo de abordar a “implantación dunha xornada de 35 horas semanais, a compensación da perda de poder adquisitivo pola inflación e a imposición de novas funcións nas tarefas para realizar”.

O sindicato defende que leva insistindo desde setembro tanto a Adif como ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na necesidade de buscar solucións a todos estes motivos que xustifican a convocatoria de paros, sen recibir resposta.

"Buscar solucións"

"O desaxuste económico, causado polo incremento desorbitado do custo da vida e a imposición, mediante feitos consumados, de novas funcións e figuras laborais non negociadas leváronnos a buscar solucións á perda de poder adquisitivo e ao incremento das cargas de traballo do persoal ferroviario", sinalou nun comunicado.

A estes aspectos únese a falta de aplicación do acordo de redución de xornada a 35 horas en cómputo semanal, unha diminución que segundo o 'Acordo Marco para unha Administración do Século XXI' debe servir para fomentar o emprego, rexuvenecer e modernizar o persoal.

Días extra

Segundo os cálculos realizados polo sindicato, por cada 16 días de xornada de 8 horas realizadas desde o 17 de novembro, data de publicación dese acordo, cada traballador realizou un día de máis, que deberían acumular como descanso, o que de aplicarse o acordo traduciríase na xeración de 800 postos de traballo aproximadamente.

Comentarios