Emprego desoe a xurisprudencia e castiga o ingreso puntual dunha persoa en paro coa perda da prestación

A xurisprudencia leva uns anos deixando claro que non se pode penalizar coa retirada da prestación de desemprego a unha persoa por non declarar esta un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres é beneficiaria desa prestación. Porén, o Servizo Público de Emprego continúa a penalizar estas casos, cando non se declaran, coa retirada da prestación, obrigando as persoas afectadas a iniciar un longo proceso xudicial.

paro desemprego traballo

O Servizo Público de Emprego (SEPE) está a cancelar as prestacións de desemprego a persoas beneficiarias do mesmo polo feito destas non declarar no prazo legal un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres reciben esa prestación. Unha decisión con efectos moi graves (perda da prestación) para a persoa afectada, que en moitos casos non sabe que está a ser obxecto dunha resolución da administración que pode reverter nos xulgados. De feito, aquelas persoas, as menos, que optan pola vía xudicial ven como a xustiza acaba dándolle a razón aos seus intereses.

“Desde hai uns anos hai xurisprudencia suficiente que indica que por un ingreso puntual ou mínimo non declarado non se pode retirar a prestación a esa persoa”, explica o avogado Alberte Rodríguez Feixóo, que leva varias causas por este motivo. Porén, e a pesar de existir esa xurisprudencia, a administración continúa a retirar a prestación de desemprego cando se dan este tipo de casos. Por que? “Podemos dicir que é como unha especie de rapina”, sinala o avogado lucense, apontando que a porcentaxe de persoas afectadas que van recorrer esta decisión é mínima. “Cantas van ao xulgado? 10, 20, 30%? Gran parte das afectadas non teñen capacidade económica para iso ou nin sequera saben que poden ir á xustiza”. As que non dan o paso, ganancia para a administración.

Os que si o dan, advirte o avogado, deben armarse de paciencia pois o proceso pode levar varios anos.

Casos variados

Unha rapaza que estaba a cobrar o paro e que dúas noites foi traballar puntualmente a unha discoteca. Ingresou por volta de 200 euros que non declarou no prazo de 15 días. Ao ter a administración coñecemento, procedeu a cancelarlle a prestación, ficando sen dereito a paro.

Un xornalista tamén no desemprego, cobrando a prestación á que tiña dereito após varios anos cotizados. Mentres está no paro responde un encargo puntual dunha revista para facer unha reportaxe. Os ingresos desa peza non os declara no prazo de 15 días e o SEPE decide suspenderlle a prestación. Fica sen ela.

Rodríguez  Feixóo explica que o ‘castigo’ aplicado –perda da prestación- é totalmente desproporcionado á falta cometida. “Non se pode retirar ese dereito a unha persoa por situacións dese tipo”, advirte. Se a contía deses ingresos puntuais fose notábel, superando  o que se percibe por paro, “poderíase retirar a prestación un mes, por exemplo, mais non toda e definitivamente”.

“Un interese económico que supera o principio de legalidade”

Hai, pois, afirma o avogado, “un interese económico detrás [desta decisión da administración de retirar a prestación] que supera o principio de legalidade”.

Como evitar verse nesta situación? A lei, explica, marca que cando tes algún ingreso extra mentres cobras a prestación debes de notificalo nun prazo de 15 días, explicando ben a contía, de onde procede…” 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios