A patronal avanza que non permitirá "baixo ningún concepto" que a suba salarial sexa acorde á inflación

"Iso é pobreza a medio e longo prazo, porque supón pór en perigo moitas empresas, sobre todo pemes", afirma Antonio Garamendi, presidente da CEOE.
O presidente da patronal española, Antonio Garamendi, nunha rolda de prensa. (Foto: Apie)
photo_camera O presidente da patronal española, Antonio Garamendi, nunha rolda de prensa. (Foto: Apie)

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, afirma este domingo que desde a patronal "non" poden admitir "baixo ningún concepto" que as subas salariais "estean vinculadas, á inflación". "Iso é pobreza a medio e longo prazo, porque supón pór en perigo moitas empresas, sobre todo pemes", asegura.

Nunha entrevista a El Correo, o responsábel da patronal indica ademais que "as leis e os impostos á carta só crean inseguridade xurídica e inestabilidade regulatoria". "Se deixamos tremendo o sistema financeiro, pagarémolo caro", asevera.

Tras criticar que o Goberno español non lles pasou "nin un papel sobre o salario mínimo interprofesional (SMI) ou as pensións", Garamendi advirte que un pacto de rendas debería ir "máis aló dunha lexislatura e debería ter tamén na mesa non só o Goberno, senón tamén a oposición". "Debe abarcar moitas cousas, non só o aumento salarial", detalla, en referencia ao aumento das pensións, a suba de funcionarios e funcionarias ou o propio salario mínimo.

Neste contexto, sostén que non poden admitir, "baixo ningún concepto, que as subas salariais estean indexadas, vinculadas, á inflación". "E non é lóxica tampouco a homoxeneización de todo. Non é o mesmo un salón de peiteado que un bar ou unha empresa enerxética", expresa, á vez que destaca que se están asinando "bastantes convenios en España", pero "asinar unha suba lineal para todos non sería serio".

Deste modo, indica que a patronal non se opón a subir o salario mínimo, tal e como avanzou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pero "debe facelo con cabeza", di Garamendi. "É diferente falar de Madrid, Barcelona ou Bilbao que de Estremadura, e xa hai nove comunidades autónomas onde o salario mínimo é superior a 60% do salario medio", matiza.

Díaz defendeu recentemente que a suba do SMI é hoxe "máis necesaria que nunca" e que a patronal "sabe que as familias sofren con esta inflación". A ministra asegurou que nun Estado como o español, con salarios "máis que moderados", é "imposíbel" vivir cunha inflación superior a 10%, e negou que esta posición implique a perda de neutralidade no diálogo social.

Suba das pensións

Por todo iso, anticipa que o que expón Yolanda Díaz "vai ser moi difícil" que poidan "subscribilo". "Pero imos agardar a ver se é esa a proposta real do Executivo ou só o anuncio dunha parte do gabinete", apunta.

Ao mesmo tempo, considera que a reforma das pensións "só ten sentido se conseguimos que sexan sostíbeis". "O problema non é a miña xubilación, senón a dos nosos fillos dentro de trinta ou corenta anos. E dos netos, tamén", engade.

Comentarios