As empresas gastan en contratos laborais na Galiza 200 euros menos que no Estado

A mellora do salario mínimo está detrás da suba do gasto en persoal no cuarto trimestre de 2021, que aumentou 4,5% na Galiza respecto ao ano anterior.
A construción foi o sector no que máis aumentaron os custos laborais na Galiza no cuarto trimestre de 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera A construción foi o sector no que máis aumentaron os custos laborais na Galiza no cuarto trimestre de 2021 (Foto: Nós Diario).

O custo laboral rematou o ano pasado crecendo por riba da media. Segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a alza foi de 4,5% no cuarto trimestre de 2021 en relación ao mesmo período de 2020, moi marcado aínda polas afeccións no emprego das restricións da Covid.

Con esta suba, o gasto medio por cada persoa traballadora ─sumando remuneracións e cotizacións sociais─ rematou o ano na Galiza nos 2.664,80 euros. Con todo, son máis de 200 euros de diferenza coa media estatal, que ascende a 2.874,61 euros (+4,4%).

Segundo o IGE, o incremento dos custos laborais débese ao maior número de horas efectivamente traballadas e á diminución de horas non traballadas por razóns técnicas, económicas, organizativas, de produción ou de forza maior, incluíndo aquí o tempo non traballado polas persas que se viron afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). 

Porén no dato tamén inflúe o feito de que desde o 1 de setembro de 2021 o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que na actualidade está nos 1.000 euros, ascendese daquela dos 950 aos 965 euros, unha medida que beneficiou sobre todo ás rendas máis baixas. 

Efecto da precariedade

Esa suba do SMI ─aínda lonxe de acadar 60% do salario medio, como exixe a Carta Social Europea e demandan na Galiza sindicatos como a CIG─ e o seu impacto nos custos laborais evidencia a situación do mercado laboral galego, cun importante número de persoas mesmo cobrando por debaixo desta referencia ao teren xornadas parciais e no que aínda abundan os contratos temporais.

Un dato que constata esta realidade é o feito de que o custo laboral por hora efectiva subiu 3,4% na Galiza no último trimestre do ano pasado, até os 21,11 euros, co sector servizos como protagonista. Este incremento é tres puntos superior á media estatal, xa que no conxunto de territorios do Estado incrementouse 0,3%, até 22,72 euros.

Das compoñentes dos custos laborais ─custo salarial e outros custos─, entre outubro e decembro os salarios (todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) subiron 4,4% interanual en termos brutos na Galiza, até situarse nunha media de 1.983,39 euros por persoa traballadora e mes, tamén por baixo da media estatal, que se sitúa nos 2.165,79 euros. Os outros custos (non salariais, como as cotizacións á Seguridade Social) representaron de media no cuarto trimestre do ano 681,41 euros, 4,7% máis.

Caída na industria

Por sectores, o custo laboral na industria e nos servizos é inferior na Galiza á media estatal, mentres que na construción o custo supera en máis de 40 euros ao do conxunto do Estado.

No que atinxe ao cuarto trimestre de 2021, o custo laboral total aumentou na construción (+6,3%) e nos servizos (+6,1%), mentres que diminuíu na industria (-0,2%), en parte tamén pola crise industrial que atravesa o país. De feito, o IGE aclara que a baixada está motivada pola caída de 1,1% do custo salarial, mentres que os outros custos aumentaron 2,8%.

Comentarios