A afiliación á Seguridade Social creceu no Estado a un ritmo 86% superior ao galego

As persoas cotizantes na Seguridade Social aumentaron na Galiza en 1,47% entre marzo de 2022 e o mesmo mes de 2023. Unha taxa que fixa lonxe da do Estado español, que subiu o número de afiliacións no mesmo período nunha porcentaxe de 2,73%, cun ritmo 86% maior.
As dificultades económicas afectan cada día máis ao persoal ocupado -aquel que ten emprego- pola caída do poder adquisitivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera As dificultades económicas afectan cada día máis as persoas ocupadas pola caída do poder adquisitivo. (Foto: Europa Press)
  1. Caída no réxime especial de autónomos e no do mar
  2. A Semana Santa impulsa o sector servizos da Galiza
  3. Dispáranse os contratos fixos descontinuos en 70%
  4. Reaccións sindicais

O número de persoas afiliadas á Seguridade Social na Galiza aumentou nos últimos 12 meses (entre marzo de 2022 e marzo de 2023) en 15.073 persoas, un incremento de 1,47% que deixa a cifra de cotizantes no país en 1,043 millóns. Porén, a taxa de aumento da afiliación fica moi lonxe da experimentada no conxunto do Estado español, onde o ascenso na cotización á Seguridade Social no último ano foi de 2,73%, o que implica un ritmo de crecemento interanual 86% maior que o da Galiza.

A comparanza co Estado español tampouco é favorábel para a Galiza nas cifras con respecto ao mes de febreiro. En termos mensuais, en marzo gañáronse no país 7.707 novos cotizantes de media, o que supón 0,74% máis, segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, mentres que o ascenso a nivel estatal neste caso ficou en 1,02%.

Por réximes, 818.412 persoas afiliadas na Galiza correspondéronse ao réxime xeral, mentres que outras 205.491 foron traballadoras autónomas e 19.627 foron do réxime do mar. Ademais, as traballadoras e traballadores inmersos na Galiza en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situáronse ao finalizar o mes de marzo nun total de 721.

Caída no réxime especial de autónomos e no do mar

As Altas no réxime especial de autónomos caeron 1,17% nun ano

A afiliación no réxime especial de autónomos experimentou unha caída de 1,17% na Galiza con respecto ao mes de marzo de 2022. Un dato que contrasta coa evolución a nivel estatal, que permaneceu practicamente sen cambios, ao ter unha baixada de afiliación neste ámbito de 0,04%. Na parte positiva, con respecto a febreiro, houbo unha pequena repunta no número de persoas traballadoras por conta propia que cotizaron no mes de marzo, de 0,21%, mais por baixo da suba rexistrada no conxunto do Estado español, de 0,34%.

Pola súa parte, o número de persoas cotizantes na Galiza polo réxime especial do mar experimentou unha baixada de 0,77% con respecto ao mes de marzo de 2022, inferior á do Estado español, de 1,86%. Non obstante, no ámbito da Federación de confrarías da Coruña viviuse un verdadeiro derrubamento das cotizacións, ao caer estas nunha porcentaxe de 4,48%. Con respecto a febreiro de 2023, a Galiza rexistrou un incremento da afiliación no réxime do mar de 2,07%, menor que o estatal, cunha taxa de 3,64%. 

A Semana Santa impulsa o sector servizos da Galiza

O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego na Galiza baixou en 2.245 persoas en marzo en relación co mes anterior (-1,56%) impulsado polo descenso do paro no sector servizos polas contratacións para a Semana Santa, comunicou esta terza feira o Ministerio de Traballo. Porén, o retroceso da taxa de paro foi inferior que o do Estado español, cun descenso de 1,67%. 

Con respecto a marzo de 2022, o desemprego acumula no país unha caída de 7,56%, con 11.489 persoas desempregadas menos que hai 12 meses. Neste caso, os datos a nivel de Estado volven ser máis favorábeis que os galegos. Durante o último ano o desemprego estatal acumulou un descenso de 246.503 persoas, o que supón unha caída de 7,9%.

Entre outros datos, do total de persoas desempregadas rexistradas na Galiza, 58,5% eran mulleres e 4,25% tiñan menos de 25 anos. Até 100.634 paradas correspondían ao sector servizos (-1.947), mentres que 4.648 pertencían á agricultura (-91), 14.463 á industria (-317), 9.813 á construción (-251) e 12.289 non tiveron emprego antes ( 361).

Dispáranse os contratos fixos descontinuos en 70%

A contratación fixo-descontinua no Estado subiu 70% en 12 meses

A nivel estatal, en marzo rexistráronse 1.315.095 contratos, 21,3% menos que no mesmo mes de 2022. De todos eles, 615.674 foron contratos indefinidos, cifra que supera en 19,8% á de marzo de 2022. Porén, do total de contratos indefinidos subscritos en marzo, 284.208 foron a tempo completo, 9% máis que no mesmo mes do ano pasado, 180.909 foron contratos fixos-descontinuos (+70,6%) e 150.557 foron contratos indefinidos a tempo parcial (+2,5%).

Reaccións sindicais

Os sindicatos criticaron esta terza feira o "incremento da precariedade" e solicitaron que se endureza o despedimento. A CIG lamentou que os contratos fixos descontinuos se multiplicaron por catro na Galiza desde o ano 2009, con 33.000 persoas traballadoras  que se inclúen dentro da contratación indefinida, aínda que non traballen todo o ano.

Por outra parte, o sindicato criticou que foi o sector servizos o que aumentou en número de persoas traballadoras, o que se traduce "nun maior incremento da precariedade e da parcialidade do emprego, cunha importante perda de ingresos por parte das  persoas traballadoras".

CCOO advertiu de que a pesar de que na Galiza baixou o paro e subiu a afiliación, en ambos os parámetros esta variación "mostra porcentaxes inferiores ás do Estado, tanto en termos mensuais como no que vai de ano". A central sindical tamén alertou da desigualdade que sofren as mulleres e a mocidade.

Pola súa parte, UXT volveu  louvar a reforma laboral do Goberno estatal, achacando a "boa evolución do emprego e a súa calidade" a esta norma. Non obstante, advertiu de que aínda quedan "materias pendentes".

Paco Sío (CIG)

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, explicou que "se estende un novo elemento de precariedade, que é a parcialidade do traballo. Cada vez menos persoas traballan a xornada completa, o que se traduce directamente nunha redución de ingresos". Sío sinalou que a leve diminución do paro rexistrado responde a un cambio de modelo produtivo, "onde a industria e a construción perden cada vez máis peso na economía en favor dos servizos".

Maica Bouza (CCOO)

A secretaría de Emprego de CCOO, Maica Bouza, valorou positivamente os datos do paro rexistrado do mes de marzo, pois "reflicten unha baixada do desemprego e un incremento da afiliación". Mesmo así, ambos os dous parámetros "amosan porcentaxes inferiores ás do Estado", engadiu Bouza, que denunciou que "non se xustifica que as mulleres galegas sigan soportando unha inxusta fenda no emprego, nin moito menos que o desemprego dos mozos e mozas medre en 2,8%".

José Luis Fernández Celis (UXT)

O secretario de Organización de UXT, José Luís Fernández Celis, destacou que o emprego "continúa crecendo, e o que é aínda máis positivo, ségueo facendo a través do contrato indefinido, que xa se converteu na modalidade de referencia dentro do noso mercado laboral". Neste sentido, Fernández Celis sinalou que "non hai dúbida de que a nova normativa laboral supuxo un verdadeiro éxito reducindo a temporalidade e mellorando a calidade da contratación".

Comentarios