Os ingresos de 115.944 autónomos están por baixo do salario mínimo

As retribucións de 115.944 traballadoras e traballadores por conta propia na Galiza están por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Segundo as cifras achegadas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para 2019, representan 55,4% do total do colectivo galego de autónomos.
A hostalaría e o comercio retallista concentran a maioría dos traballadores por conta propia (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera A hostalaría e o comercio retallista concentran a maioría dos traballadores por conta propia (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

A Galiza contaba con 209.287 traballadoras e traballadores por conta propia en 2019. Neste sentido, os datos fornecidos pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) indicaban que 9.386 afiliadas e afiliados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), 4,7% do total, non declaraban ingresos ou presentaban perdas. 

A este respecto, o presidente da Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad Sabarís, sinala a Nós Diario que “neste grupo atópanse maioritariamente autónomos sen actividade que continúan cotizando para acceder a unha pensión de xubilación”.

Un total de 86.645 autónomas e autónomos galegos rexistraban uns ingresos entre cero e 12.600 euros. Neste caso, 22.393 traballadores por conta propia, 10,7% do total do colectivo, declaraban unhas rendas netas anuais de entre cero e 3.150 euros, isto é 262,5 euros ao mes, en 14 pagas, unha contía inferior á cota mínima fiscal da RETA, fixada para 2019 en 283,3 euros. Asemade, outros 8.790 autónomos, 4,2% do colectivo, rexistraban uns ingresos netos anuais situados entre 3.150 euros e 4.200 euros e 20.928, 10% dos afiliados a RETA na Galiza, unhas rendas entre 4.200 e 6.300 euros. 

A Axencia Estatal da Administración Tributaria sinalaba que en 2019, 13.374 traballadoras e traballadores por conta propia declaraban unhas rendas netas anuais pola súa actividade entre 6.380 e 8.400 euros. 

A maiores, 22.184 autónomos, 10,6% do total do colectivo, rexistraban uns ingresos anuais situados entre 8.400 e 12.600 euros. Na mesma dirección, outras 9.043 persoas adscritas ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos presentaban unhas retribucións de entre 12.600 euros e 14.000 euros netos ao ano. 
Precisamente, os ingresos anuais de todas estas fraccións de renda están por baixo da contía anual do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para 2022, fixado en 14 pagas anuais de 1.000 euros.

Eduardo Abad Sabarís explica que “as rendas dos autónomos na Galiza están en relación coa realidade do traballo por conta propia na comunidade autónoma. Este distribúese fundamentalmente no sector servizos, moi concretamente no comercio retallista e na hostalaría, dous sectores que están sufrindo moito a crise. As baixas rendas dos empregados por conta propia na Galiza débense a que temos, por dicilo dun modo coloquial, os ovos postos en dúas cestas, que son as cestas de dous sectores que están nunha situación de máxima precariedade”.

Abad indica que “outra parte do colectivo, aquel formado por persoal cualificado, constituído polo que comunmente chamamos profesionais, rexistra unhas rendas medias e altas. Estes sectores son que teñen que facer un maior esforzo contributivo co novo sistema de cotización, para aliviar a carga contributiva  que viñan padecendo os traballadores por conta propia con menores ingresos”.

Nesta liña, considera que o novo sistema de cotización aprobado para os autónomos polo Goberno estatal, “vai significar unha maior xustiza fiscal, ao fixar o réxime de cotización en función das rendas”.

As bases de cotización

As bases de cotización máis recorridas polo colectivo son unha mostra da delicada situación económica na que se atopan. Así, o último Informe de perfil dos traballadores e traballadoras autónomas, presentando polo Ministerio de Traballo e Economía Social en xuño de 2022, sinala que 74,9% dos traballadores galegos por conta propia cotizaban pola base mínima, estabelecida para esa anualidade en 293,9 euros. Precisamente, este é o factor que explica as reducidas contías das pensións do colectivo, situadas na Galiza á cola do conxunto do Estado. 

Os autónomos e as autónomas galegas cobran a pensión de xubilación máis baixa do Estado. Os últimos datos do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) para xaneiro de 2022, recollen que a pensión media dun autónomo galego é de 720 euros ao mes, 188 euros ao mes por detrás da media estatal.

"De mal en peor"

A situación non deixou de empeorar para as traballadoras e traballadores por conta propia desde 2019. Á crise xerada pola pandemia sumouse, posteriormente, a provocada pola alza de prezos, cesando na súa actividade en 2022 2.897 autónomos.

A este respecto, Eduardo Abad sinala que o sector xa viña dunha situación precaria e, a maiores, a pandemia mudou a forma de consumir e a crise enerxética provocou a alza da inflación e "isto agravou as cousas". 

Comentarios