Opinión

A precariedade vai a máis

Segundo Eurostat o desemprego e subemprego no Estado español estaría moi por riba dos dados que nos aportan as estatísticas oficiais. Segundo o Governo o ano 2022 rematou con 3 millóns de persoas en paro, aos que Eurostat suma 1.100.000 subempregadas e 1,07 millóns máis de parados/as que non se contabilizan. Ou sexa, a taxa de desemprego abranguería ao 21,2% da povoación activa, moi lonxe do 12,4% actual da información oficial. Esta tendencia negativa estendese tamén á nación galega, co agravante do rol subalterno na escala de valor que o afecta todo.

A diferencia cuantitativa é moi importante e reflicte que a crise da globalización neoliberal é sistémica. Son as eivas e atrancos dun capitalismo senil, do que son expresión as intervencións e sancións, as guerras, a especulación financeira,... Tamén as noticias parciais e prefabricadas coas que nos machacan todos os días os medios sistémicos, coa evidente intención de pintalo todo en negro para que se vexa calquera avance por máis cativo que sexa como un triunfo, para frear a mobilización das clases populares e a conquista de cambios radicais no reparto da renda e da actividade produtiva.

Daquela que, malia as promesas de progreso e os avances tecnolóxicos, non deixa de medrar a desigualdade entre clases sociais e entre territorios, así como a desfeita do ecosistema e o esgotamento de materias primas esenciais. Vivimos nesta conxuntura un duro reaxuste, con todo o que iso implica, máxime cando está focalizado nunha confrontación entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes. Unha decisión na que se exclúe a participación, a pluralidade, a xustiza social e a soberanía popular...

As estatísticas da EPA consideran persoas activas, con emprego, aquelas que traballaron unha hora na semana de referencia da enquisa. Unha pinga nun caldeiro. Tampouco se pode obviar a enorme porcentaxe de traballadores/as que teñen contrato a tempo parcial na xornada laboral, ou que se consideran activos por seren “fixos descontinuos” traballando só unhas poucas horas á semana ou durante unha pequena parte do ano. Ou sexa, trátase de persoas sub-empregadas e como tal deberían figurar nas estatísticas oficiais para permitir unha caracterización axeitada da situación laboral. Eurostat calcula que deste xeito súmanse 1.100.000 persoas no EE, que figuran como activas. O camiño escollido polo Governo foi convertelos/as a moitos deles en fixos-descontinuos e consideralos como activos a efectos estatísticos, para mellorar os datos de emprego.

Con respecto a este tema a central sindical CIG destaca que: “os contratos indefinidos a tempo parcial ou de fixos descontinuos superan con creces, e con moita diferenza, aos fixos ordinarios”. Ademais “en moitas empresas estase facendo un tempo de proba de moitos meses e antes de esgotar o período proceden ao despedimento”.  En canto aos indefinidos advirte a central nacionalista que o 58% desta contratación é con contratos a tempo parcial ou fixos descontinuos. Destacando que se trata de: “traballadoras e traballadores que non traballan toda a xornada, polo tanto van cobrar só unha parte do salario e, no caso dos fixos descontinuos, contratos moi vinculados ao sector servizos que deixarán sen emprego e sen ingresos a moitas traballadoras e traballadores ao remate do período da campaña. A contratación indefinida real tivo un descenso importante”.

Esta análise da CIG está apoiado polos dados, xa que segundo as estatísticas do INE no 2016 un total de 847.700 persoas asalariadas traballaron 1.366 millóns de horas, mentres que no ano 2021 un número superior, 885.100 persoas traballaron 1.364 millóns de horas. Mais xente e igual número de horas, que son reflexo da contratación a tempo parcial, a temporalidade, e que non se declaren todas as horas extras realizadas, xa que non houbo unha redución xeralizada da xornada nos convenios.

Son estatísticas que amosan a degradación das condicións laborais en moitos sectores, afectando sobre todo ás familias con menores ingresos nun contexto de caída do salario real por mor da inflación. Este retroceso é máis notorio onde a presenza sindical é feble, ou esta ten unha liña derrotista. Cómpre destacar, como dato positivo, que en moitos convenios conseguíronse aumentos salariais importantes a través da folga e da mobilización. O que deixa en evidencia diante da sociedade cal é o camiño para avanzar en xustiza social, así como no relativo á soberanía nacional e popular. En relación cos datos e a información por parte dos governos e institucións públicas é necesaria a máxima transparencia tanto respecto do mundo laboral como doutros temas.

 https://obloguedemera.wordpress.com/