Un traballador morto e outro ferido en Chantada ao caerlles unha árbore enriba

Nun monte da parroquia de Sabadelle. 
Helicóptero-061-Vigo
photo_camera Imaxe de arquivo dun helicóptero medicalizado, como o que se enviou até o lugar do sinistro.

Un operario faleceu na mañá desta segunda feira despois de que unha árbore caera sobre el cando estaba a traballar nun monte na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Tiña 33 anos de idade e era veciño deste concello.

Segundo informou o 112, outro traballador, veciño de Taboada, resultou ferido nese mesmo accidente laboral e foi evacuado por persoal de Urxencias Sanitarias 061.

Tras recibir a chamada de alerta por parte do persoal sanitario, sobre as 11,00 horas, na que comunicaba a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense para axudar a un traballador que caera unha árbore enriba, os xestores do 112 pasaron aviso á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.

Tamén se informou aos Bombeiros de Chantada para axudar na evacuación dos accidentados, xa que a zona presentaba dificultades para o acceso do persoal médico, aínda que, finalmente, non foi necesaria a súa intervención, precisaron desde o 112.

Mortandade

Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05. 

Máis da metade das empresas incumpren a obriga de investigar os accidentes laborais, denunciaba o sindicato CIG nun documento Gabinete Técnico de Saúde Laboral. 300.000 accidentes de traballo fican anualmente sen investigar no Estado, sen que iso implique ningún tipo de sanción para a maioría das empresas que incumpren a legalidade neste campo. 

Comentarios