A nova prórroga dos ERTE deixa as novidades para despois de outubro

Goberno español e os axentes sociais achegaron posturas de cara a fechar unha nova prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até xaneiro de 2022.
A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno español e os axentes sociais aproveitaron a reunión desta quinta feira para achegar posturas, mais aínda seguen sen acadar un acordo sobre a prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até 31 de xaneiro.

As posturas partían moi distanciadas, xa que os sindicatos opóñense a que se vinculen os expedientes a plans de formación para buscar un acomodo ás persoas traballadoras afectadas noutro departamento da propia empresa ou noutro sector. 

Á reunión prevista para esta sexta feira as partes chegan coas ideas máis despexadas. Segundo fontes do diálogo social, a nova prórroga vaise estruturar en dúas fases de vixencia: a primeira estenderá os ERTE nas mesmas condicións que as actuais até 31 de outubro, mentres que a segunda introducirá novas condicións e estará vixente entre 1 de novembro e 31 de xaneiro de 2022.

O obxectivo desta dobre vixencia é dar ás empresas tempo para renovar a solicitude de ERTE, pois para iso terán de prazo dez días, do 1 ao 10 de outubro, e a Administración terá que responder á devandita solicitude nos dez días seguintes.

Desde UXT aseguran que segue a haber "inconvenientes" no que respecta a as exoneracións vinculadas á formación e que existe "resistencia" no Goberno para poñer o 'contador a cero' nas prestacións por desemprego. Os sindicatos queren que este chegue polo menos até 30 de xuño de 2022.

CCOO tamén pensa que vincular as exoneracións dos ERTE Covid á formación debe abordarse no mecanismo de flexibilidade interna que substituirá aos ERTE de maneira estrutural e que se incluirá no debate na mesa da reforma laboral.

Na Galiza, CIG insiste nesta última vía, a de derrogar a actual reforma laboral, deseñar unha política fiscal máis progresiva e xerar emprego de calidade.

Comentarios