Goberno español e sindicatos afastan un novo acordo para a prórroga dos ERTE

O Executivo estatal liga as exoneracións a plans de formación para as afectadas, unha medida que para os sindicatos "non é o momento" de tomar.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, na presentación das estimacións de emprego de setembro (Foto: A. Pérez Meca).
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, na presentación das estimacións laborais. (Foto: A. Pérez Meca).

A idea inicial do Goberno español era que no próximo Consello de Ministros, a celebrar o vindeiro 28 de setembro, se aprobasen dúas medidas laborais de calado, como son a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) e a extensión dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) máis aló de 30 de setembro, cando expira a actual prórroga.

Porén, as posturas entre o Executivo estatal e os sindicatos nacionais CCOO e UXT parecen estar agora máis distantes que ao principio das negociacións. O motivo é que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións que dirixe José Luis Escrivá quere vencellar as exencións das que desfrutan as empresas á realización de accións formativas por parte dos traballadores e das traballadoras afectadas polos expedientes. 

Hoxe mesmo, o ministro indicou que o Goberno español prevé financiar con fondos públicos "o groso" destas accións formativas. Escrivá considerou "moi importante" ensaiar este modelo de axudas vencelladas a formación de cara a basear nel o futuro modelo de ERTE que estará vixente de forma estrutural, unha vez superados os efectos da pandemia na economía. 

Lonxe do acordo

De cara á nova prórroga dos ERTE, que podería estenderse até 31 de xaneiro, o ministro destacou como "o máis importante" o feito de que as empresas deban solicitar de forma activa a prolongación do expediente e presentar un plan de formación avaliado pola autoridade laboral, a Consellaría de Emprego no caso da Galiza.

Porén, esta nova proposta fai que as partes estean "lonxe de acadar un acordo". Así o ve o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, quen sinalou que a introdución de modificacións "de certa substancia" no novo esquema pode provocar que non cheguen a un acordo. 

"Sería absurdo que despois de ter 3,5 millóns de traballadores e medio millón de empresas en ERTE mediante sucesivos acordos rompa isto no último momento. Estamos na obriga de chegar a un acordo e espero que poidan reconducirse as negociacións", dixo Sordo, para quen é fundamental salvagardar o cadro de dereitos laborais das persoas que aínda están en ERTE.

Sobre a proposta de Escrivá, o líder sindical insistiu en que non é o momento de expor algo así nunha renovación dos ERTE pensada para catro ou cinco meses, xa que onde debería introducirse esta medida é no mecanismo estrutural que substituirá aos ERTE e que vai dentro do paquete de reforma laboral. "Ás veces unha boa idea posta encima da mesa fóra de tempo convértese nunha mala idea", advertiu.

Na Galiza, a CIG defende que os ERTE "non son a solución", xa que moitos deles acabarán en despedimentos colectivos. No seu lugar, aposta por artellar un plan que permita crear emprego de calidade e deixar atrás as reformas laborais do PP.

Esta quinta feira está prevista unha nova xuntanza para avanzar na negociación, na que Xordo confía en que e o Goberno "teña a suficiente flexibilidade" para recompoñer o esquema que expuxo na anterior reunión a fin de que se poida chegar a un acordo antes do 30 de setembro.

Comentarios