Transi Fernández

“As mulleres, cando iniciamos un conflito laboral, imos a por todas”

O premio 8 de Marzo da CIG foi nesta edición para as traballadoras de Bershka de Pontevedra, mulleres que protagonizaron o pasado mes de outubro una greve indefinida na defensa dos seus dereitos que acabou coa empresa aceptando as súas demandas. Falamos con Transi Fernández, unha das portavoces das traballadoras.

TRansi Fernández

Foron nove días de greve, ducias de asembleas, concentracións, manifestacións ou reparto de voandeiras. As traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra foron as primeiras en enfrontarse ao xigante Inditex e lograron una vitoria sindical que traspasou as fronteiras de Galiza. “Aínda agora chámannos de Euskadi, de Andalucía… traballadoras que queren coñecer a nosa loita”, dinos Transi Fernández, da CIG.

-Vindes de recibir o premio 8 de Marzo co que a CIG quer recoñecer a loita das mulleres…

-É emocionante, as compañeiras quedaron moi agradecidas a este recoñecemento á loita que deron.

 -Cinco meses despois daquel conflito que pouco a pouco foi gañando una gran atención, cal é a situación?

-O preámbulo da greve foi o feche de dúas tendas en Vigo. Esas compañeiras xa están recolocadas. Algo moi positivo foi que o acordo que conseguimos en Bershka en Pontevedra transladámolo a todos os comités de empresa de Ourense e de Lugo, fáltanos A Coruña, que estamos niso. Non só gañamos un conflito, aguantando todo tipo de presións, senón que imos máis alá e estendemos as conquistas desa folga aos outros territorios.

O outro día chamáronnos de Euskadi porque en Zara en Gipuzkoa están a piques de mobilizarse. Chama xente tamén de Cádiz, de Sevilla, que aí Inditex está fechando tendas e queren saber como nós nos arrepuxemos a iso. O que dicimos é que hai que loitar, e para iso tes que ter sindicatos que o fagan, claro, se tes sindicatos que ante un feche de tendas o que che din é colle os vintetantos días por ano traballado que che dan... Pois así non hai maneira

-Que leccións se poden tirar daquel conflito?

-Se non fas conflito non consegues obxectivo, e digo conflito no sentido amplo. Tes que dinamizar, unir, facer asembleas, traballar desde o principio, implicar a xente, e así cando chegues a dar o paso da folga xa vas con parte da batalla gañada. Algo que si que teño claro pola experiencia é iso, que o que se conseguiu foi grazas ao conflito.

-Foi una greve protagonizada por mozas novas, o que xerou certa suspicacia nalgúns sectores, mesmo poñendo en dúbida que esa loita fose a algures..

-Pois si, mesmo houbo algún compañeiro que non daban un peso polo éxito desta folga: que si eran moi novas, que se non vían a cousa clara… Eu teño estado en conflitos de homes e en conflitos de mulleres e son cousas distintas (ri). Tamén é certo que as mulleres somos máis bravas, mesmo nos conflitos onde hai homes e mulleres. Cando empezamos imos a por todas. 

O que si pasa nos conflitos de mulleres é que temos moita familia detrás que sempre están “bueno, muller, non é para poñerse así” ou "aínda ides acabar coa emrpesa".

Nas nosas loitas si que se nota que temos que apandar coas cousas da casa. Eu nunca estiven nun conflito laboral de homes onde algún dixera “marcho que teño que ir facer de comer” ou “marcho que teño que coller o neno”. Nunca. No das mulleres, si, estar nunha concentración e ter que andar a correr para da concentración marchar para a casa, atender os nenos, e despois volver a tempo para outra manifestación ou concentración.

Creo que somos máis duras no conflito laboral as mulleres que os homes.

Comentarios