Mobilizacións contra o despedimento por Vodafone do 22% do seu cadro de persoal en Galiza

O ERE extintivo da compañía supón despedir un total de 41 traballadores e traballadoras, 32 nos centros da Coruña e 9 nos de Vigo.

vodafone

A conflitividade no sector de telefonía e centros de chamada en Galiza volveu esta semana ter un reflexo en concentracións e mobilizacións. Á greve de 24 horas en Unísono e protestos de Atento súmase a mobilización do persoal de Vodafone. Unha mobilización que comprende unha greve de 24 horas na Galiza do cadro de persoal desta empresa.

Empregados e empregadas protestan contra o ERE extintivo presentado por Vodafone e que pretende despedir 22% do seu cadro de persoal en Galiza: 41 das 181 traballadoras no noso país. Deses 41 despedimentos, 32 serán nos centros da Coruña e 9 nos de Vigo. Os sindicatos lembran que este ERE non terá efectos só nos propios traballadores e traballadoras da compañía senón tamén nos de firmas como Bosch, vinculados a Vodafone. O expediente de regulación de emprego atinxe 1.200 dos 5.209 empregados e empregadas de Vodafone a nivel de Estado.

Os sindicatos rexeitan o ERE da operadora, por entender que é errado e innecesario. Lembran que este sería o terceiro expediente de regulación de emprego de Vodafone en menos de sete anos.

En 2013, antes de adquirir ONO, Vodafone pactou un ERE para 900 traballadoras e traballadores, un proceso que finalizou con 620 despedimentos e 130 externalizacións ao tempo que a outros 150 empregados mudóuselles as condicións de traballo. En 2015, e xa integrada Ono, a dirección de Vodafone acadou un novo acordo para un ERE que afectou mil traballadores.

A operadora xustifica a medida en “razóns económicas, produtivas e organizativas”, e procura “reverter a negativa evolución do negocio”.

Comentarios