Máis de 200 centros de ensino comezaron o curso en Galiza sen o profesorado necesario

A CIG-Ensino presentará un recurso contra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”

Ensino público
photo_camera Ensino público

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegura que neste principio de curso foron perto de 200 os centros de ensino que non viron satisfeitas as súas demandas de profesorado. Aliás, denunciou que a Consellaría de Educación está a castigar “con máis contundencia a aquel alumnado que máis o necesita e que precisa reforzo educativo ou que ten necesidades educativas especiais”, porque, en lugar de dotar de profesorado a tempo completo de PTAL o que fai é compartilo entre centros, na maioría dos casos.

O secretario nacional da CIG-Ensino puxo xemplos concretos de centros nos que se están incumprindo compromisos adquiridos, como é o caso do centro Vales de Villamarín de Betanzos, onde se creou un centro novo que sería independente do existente, pero que finalmente foi anexionado ao que xa había, ficando relegado a aulario e con máis de 1.000 alumnos en total e 2 edificios que están a unha distancia de 500 metros.

A CIG convoca mobilizacións esta cuarta feira ás 11.15 horas diante das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra

O mesmo ocorre co novo centro de Sigüeiro que xa está a funcionar e no que o Concello tivo que asumir a xestión do comedor escolar. “Antes había un centro, agora hai dous  pero entre ambos teñen menos profesorado do que tiña antes un só”. Suprimiuse un docente de Pedagoxía Terapeútica, un especialista de Audición e Linguaxe e unha coidadora asignada a NEAE (Necesidades Educativas de Apoio Específico).

O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou tamén que a falta de profesorado está a provocar a demisión de equipos directivos como o do IES Vilar Ponte e actuacións nas que en lugar de substituír ao conserxe como no caso do Camiño de Santiago de O Pino o que se ten feito, informa o sindicato en comunicado de imprensa, é "pór un [conserxe] a tempo parcial por catro horas nun horario que abrangue das oito e media da mañá ás dúas e media da tarde, con comedor e actividades extraescolares".

Mobilización

Após 20 días de comezo de curso en Infantil e Primaria e 15 en Secundaria persisten os recortes e seguen sen cubrirse as necesidades máis imperiosas dos centros, fundamentalmente as súas demandas de profesorado, denuncia a CIG. Fronte a isto, e no canto de atender a esas necesidades, o sindicato nacionalista ve unha actitude “intimidatoria” por parte das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra contra estes centros, mesmo utilizando a páxina web da consellaría para os desprestixiar. Por iso ten convocado unha mobilización diante de ambas as dúas para esta cuarta feira ás 11:15 horas.

Os cadros de persoal de Infantil e Primaria están fixados por unha Orde que se publicou no DOG do ano 2010. Malia isto, a CIG-Ensino denuncia que este ano, e incumprindo a súa propia orde, a consellaría négase a cubrilos, o que está a provocar que neste momento haxa mobilizacións e conflitos en múltiples centros.  Marta Dacosta, membro da Executiva da CIG-Ensino, acusa á Xefatura Territorial de Pontevedra de desatender as demandas de profesorado de centros como o CPI Suárez Marquier do Rosal; o CI Feliciano Barrera en Ponteareas; o CEIP de Barrantes en Tomiño; o CEIP de Abelendo e da Escola de Educación infantil de Berducedo en Moaña. “A todos fáltalles un profesor ou profesora que lles corresponde por catálogo”, afirma.

Recurso

Ante esta situación, a CIG-Ensino decidiu presentar un recurso contra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”. Ademais en dous casos, no do CPI Suárez Marquier, ao que lle falta o segundo profesor de Educación Física, e do CI Feliciano Barreras, ao que lle falta o cuarto profesor/a de Educación infantil con Inglés, están con mobilizacións nas que xunto co profesorado está implicada o conxunto da comunidade educativa .

Comentarios