A loita do cadro de persoal de GKN evidencia a “falsidade” da automoción 4.0

O amplo seguimento da folga nesta firma, con perto de mil operarios no polígono de Balaídos, sitúa en primeira plana a oposición á imposición de ritmos de traballo cada vez máis fortes aos traballadores do sector.

imaxe

O seguemento dos paros convocados esta quinta feira polo comité de empresa en GKN Driveline de Vigo foron secundados pola práctica totalidade dos operarios da firma, case mil. Apenas tres técnicos acudiron aos seus postos mentres o resto dos 980 empregados secundaba o paro. A convocatoria desta mobilización responde á parálise por parte da empresa a respecto da negociación do convenio colectivo. “Nunca houbera ese tipo de problemas, nin sequer durante os anos da crise”, lembra Paco Sío, da CIG.

A dirección negábase a abordar cuestións relativas aos salarios, contratación e xubilación. E, o máis importante, tentaba reducir os temos de descanso dos operarios, pulando por un incremento dos ritmos de traballo, no que, indica Sío, é unha constante no sector da automoción. “Os ritmos de traballo son cada vez máis fortes, máis duros e intensos, fanse insoportábeis”, indica o representante da central nacionalista nesta empresa. Ese aumento faise a costa dos tempos de descanso, necesarios neste tipo de actividade por moitos motivos, entre eles, previr e evitar doenzas e enfermidades profesionais.

Esa parálise por parte da empresa levou ao comité a convocar os paros de dúas horas en cada unha das tres quendas da factoría, unha situación que se vai repetir este sábado. Desbotan de momento prolongar este tipo de mobilización pois a empresa presentou xa unha  nova oferta de convenio. Agora si que inclúe cuestións relativas a salarios, contratación e xubilación que entraría no marco do aceptado polos sindicatos. Porén, explica Sío, a dirección liga esas propostas ao aumento de ritmo de traballo. Algo que non convence a sindicatos como CIG.

Paco Sio lembra que está a haber mobilizacións en diferentes empresas do sector da automoción, desde Citroën a Denso, por mor do aumento dos ritmos de traballo. “Non existe iso que tanto falan da automoción 4.0, é unha falsidade”, asegura, “a produtividade estase a lograr a base de apertar nos traballadores, da precarización, de que aumenten ritmo e tempo de traballo” e non en base a innovación e maquinaria. 

Comentarios