venres 18/09/20
TRES MESES DE FOLGA NA FACTORíA DE EMBALAXE DE VILAGARCíA DE AROUSA

Lantero, tres meses de resistencia obreira

Noventa días de folga. Ese é o tempo que leva o cadro de persoal da factoría de embalaxe, Lantero, loitando contra os despedimentos nunha empresa con millóns de beneficios. 

Lantero, tres meses de resistencia obreira

Trátase dunha das folgas máis longas da historia de Galiza. No concreto a máis prolongada de maneira ininterrumpida. Van 90 días e a fábrica de Lantero, en Vilagarcía de Arousa, "está totalmente parada", explica en conversa con Sermos Galiza Jesús López, presidente do comité de empresa e operario desta factoría de embalaxe. 

O conflito orixinouse no mes de outubro do pasado ano cando "a empresa iniciou un ERE dunha maneira peculiar", sinala López. Naquela altura a dirección da planta de embalaxe antes de lle comunicar ao comité de empresa "introduciu seguranza privada" nas instalacións. "Trouxeron 18 gardas xurado, 2 cans raza rotweiller e 8 escoltas armados", ao tempo que anunciaron "32 despedimentos e unha redución do 30% nos salarios". 

A reacción entre o cadro de persoal foi "a indignación" e con ela, a convocatoria dunha folga indefinida contra o que, din, "non se xustificaba", apunta Jesús López. E é que Lantero obtén beneficios desde hai anos. "En 2014 feharon cun 10% máis que no exercicio anterior" e falamos de millóns de euros asentados nunha carga de traballo que non cesou en ningún momento e mesmo se viu incrementada, o que supuxo o pagamento de horas extraordinarias ao cadro de persoal e a introdución de apoios através de Empresas de Traballo Temporal (ETT) que garantiron un amplo stock co que facer fronte aos pedidos. 

"Cando rematou o período de consultas" que a legalidade exixe nun despedimento colectivo "presentaron outro ERE" que visa reducións salariais do 20% e deveu na notificación do despedimento de, até o momento, 40 persoas. Entre elas o propio Jesús. 

Miles de euros en seguranza privada

Para o comité de empresa e o 80% do cadro de persoal que está a secundar o paro, non só resulta "inxusto" que unha empresa con "10 millóns de euros" en beneficios anuncie un ERE senón que supón un paradoxo cando se aproba un investimento de "3 mil euros ao día, 100 mil euros ao mes" no despregamento dun operativo de seguranza privada instalado na planta de embalaxe. Con ese diñeiro, sinala Jesús López, "poderían cobrar durante 6 meses" as persoas que foron despedidas. "Todo ese diñeiro supera as supostas perdas fiscais" que podería ter Lantero e que foron esgrimidas para fundamentar a presentación do ERE. 

En realidade, sinala Jesús López, a empresa sita en Vilagarcía de Arousa non ten perdas senón que estaría a asumir as doutras entidades do mesmo grupo através da compra de accións. 

Desde outubro o conflito non cesa. O persoal en folga mantén a súa loita de maneira permanente simbolizada através dun campamento base localizado na propia factoría. Aliás, denunciaron pola vía xudicial o carácter "ilegal" do despedimento colectivo e a "vulneración do dereito a folga" en diversas ocasións ao longo destes 90 días. 

As súas demandas, sinalan, "non son un maior salario" senón "a retirada do ERE", a readmisión das persoas despedidas e que a partir de agora calquera mudanza sexa negociada pois, critican, ao longo deste tempo Lantero "non demostrou vontade de diálogo" senón "de impor e meter medo á xente. De aí os despedimentos, queren dobregar o plantel". 

As esperanzas do cadro de persoal residen agora, recoñece López, "na xustiza", na impugnación do ERE e no recoñecemento de que existiu unha "vulneración do dereito a folga". Mais até que iso acontecer, continuarán --din-- en loita. 

Resistir

Os folgos non fraquean entre a totalidade [email protected] [email protected] que traballan na planta --alén de administración e comerciais, que non están a secundar o paro. A folga "nas casas", explica Jesús López, "lévase mal" pois a realidade económica que atinxe a milleiros de fogares galegos tamén se sente nos de Lantero. Mal que ben, "as compañeiras dalgúns traballadores traballan, e iso axuda". Para aqueles casos en que non for así, contan cunha "caixa de resistencia" á que van chegando "aportacións" e "doazóns" da veciñanza e de accións como un concerto benéfico. 

Asemade, após as indemnizacións percibidas polas 40 persoas despedidas, a asemblea decidiu --por iniciativa [email protected] 40 que ficaron na rúa-- pasar unha parte a ese peto solidario. "Ou todos ou ningún", ese é o lema que non cesan en repetir desde hai xa 90 días. 

Agora o que exixen é a intervención do goberno galego. Ese executivo que mantén a día de hoxe as subvencións a "empresas con beneficios que despiden traballadores". Levarán as súas demandas até o Pazo do Hórreo cando se reanudar o período de sesións, no mes de febreiro. 

comentarios