Cae a inserción laboral das persoas con discapacidade

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) detecta un descenso de 81% nas ofertas laborais para este colectivo.
Unha persoa participante no programa de emprego de Down Galicia no seu posto de traballo (Down Galicia).
photo_camera Unha persoa participante no programa de emprego de Down Galicia no seu posto de traballo (Down Galicia).

A crise do coronavirus fixo moito dano no emprego e tamén afectou á inserción laboral de persoas con discapacidade. Segundo a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), entre o 16 de marzo e o 29 de abril, este indicador caeu 24% en relación aos datos do mesmo período de 2019.

Ademais, segundo sinala a entidade nun comunicado, o seu servizo de intermediación laboral advertiu un descenso de 81% nas ofertas de traballo de empresas para este colectivo.

Neste senso, Cogami lembra que a crise económica iniciada en 2008 levou a que a taxa de desemprego de persoas con discapacidade se incrementase en 25%, polo que avisa do risco de que a situación actual afecte de novo a estas traballadoras. De feito, a organización apunta que os datos máis recentes sitúan a taxa de actividade destas persoas en 29,9% na Galiza.

Ante esta situación, Cogami insta a Administración a apostar na reserva de contratos para persoas con discapacidade e a continuar a adxudicación de axudas para a adaptación de postos de traballo ás súas necesidades. Tamén reclama un seguimento das empresas con máis de 50 empregados para comprobar se actúan deste modo.

Por outra banda, 72,5% das integrantes da bolsa de emprego de Down Galicia accederon a un posto de traballo en 2019, o que supón un incremento de 23% respecto ao ano anterior. Esta entidade informa de que o número de participantes no Programa de Emprego con Apoio da Federación Down Galicia que estiveron contratadas en empresas da súa contorna no último ano ascende a 177, unha cifra que leva seis anos en constante aumento.

En total, 244 participantes sumáronse á iniciativa, o que, a xuízo da entidade, amosa a importancia que outorgan as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades a contar cun posto de traballo. Ademais de que a inclusión laboral contribúe á eliminación de tópicos asociados a este colectivo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios