O mercado laboral está a deixar fóra oito de cada dez persoas con discapacidade

A taxa de paro duplícase no caso das persoas con diversidade funcional.
O sector demanda máis formación específica para os servizos de colocación laboral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O sector demanda máis formación específica para os servizos de colocación laboral. (Foto: Nós Diario)

A taxa de actividade entre as persoas con discapacidade na Galiza situouse en 28,8%, o que supón case dous puntos menos que o ano anterior (30,5%). Unha cifra 48 puntos por baixo da que rexistra o resto da poboación galega, 76,7%, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que se refiren ao ano 2021. 

Ademais, entre as persoas activas con discapacidade, a taxa de paro elévase a 21,3% –medra fronte o 20% de 2020–, o que supón case duplicar o 11,4% de paro entre as persoas sen discapacidade. E é que a taxa de emprego entre as persoas con discapacidade é de 22,6% na Galiza –baixa 1,8 puntos respecto da taxa de 2020–, o que se traduce en 45 puntos menos que a correspondente ao resto da poboación. 

Os datos do IGE revelan que das 37.000 persoas con discapacidade que formaban parte da poboación activa en 2021, a maior parte, 56,5%, tiñan un grao de discapacidade entre 33% e 44%. Aquí obsérvase que tanto a taxa de actividade como de emprego son maiores no caso da discapacidade sensorial. 

Tres de cada catro persoas do rural non están activas

Ás estatísticas publicadas esta sexta feira polo IGE, Anxo Queiruga, presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), engade un máis: tres de cada catro persoas con discapacidade que viven no rural galego non forman parte da poboación laboral activa. 

Queiruga afirma a Nós Diario que "as persoas con discapacidade que viven no ámbito rural teñen moitas máis dificultades para acceder ao mundo laboral, incluso para ser activas como demandantes de emprego". É así por varios motivos, entre eles, que as persoas con discapacidade, "en moitas ocasións, teñen problemas para desprazarse aos puntos de traballo, que están concentrados principalmente no Eixo Atlántico, onde se atopa o tecido empresarial", sinala o presidente de Cogami.

Queiruga apunta tamén a outra das causas da elevada taxa de desemprego das persoas con discapacidade: "demándanse perfís laborais extremadamente versátiles, e iso na discapacidade non existe". "Non hai persoas con discapacidade que poidan desenvolver catro postos de traballo diferentes", engade.

Máis formación e acompañamento

Ante a realidade laboral as persoas con discapacidade, desde Cogami propoñen máis formación nos servizos de colocación. "Para nós é imprescindíbel que os servizos de colocación específicos teñan o financiamento axeitado para poder traballar con outros tempos coas persoas con discapacidade que queren acceder ao mercado laboral ordinario", afirma Queiruga a Nós Diario. A confederación tamén sinala como "fundamental" o acompañamento após a inserción laboral, para facilitar que estas persoas manteñan os seus traballos.

Neste senso, Cogami anunciou esta sexta feira a creación dunha unidade de apoio ás persoas que traballan en centros especiais de emprego. Desta maneira, a confederación non asesora só as persoas que están en busca de emprego, senón tamén aquelas persoas que xa lograron esta inserción laboral. 

Maior taxa de desemprego en mulleres 

Os datos publicados onte polo IGE indican que, a diferenza do que ocorre no colectivo de persoas sen discapacidade, no que a taxa de actividade feminina é inferior á masculina, para a poboación con discapacidade a primeira supera á segunda. Isto é, as mulleres con discapacidade teñen máis presenza no mercado laboral galego que os homes. En 2021 a taxa de actividade das mulleres con discapacidade é 0,4 puntos superior á dos homes.

Non ocorre o mesmo coa taxa de emprego: para o colectivo de persoas con discapacidade a taxa feminina é inferior á masculina en 0,6 puntos, igual que no caso de poboación sen discapacidade. En canto á taxa de paro, a comparativa tamén é vantaxosa para o colectivo de homes con discapacidade: a súa taxa de paro é 3 puntos inferior á feminina en 2021. 

Comentarios