luns 03/08/20

As infraccións a empresas por non ter medidas sanitarias de prevención contra a Covid-19 poden chegar até 40.985 euros

O corpo de inspectoras e inspectores de Traballo quedou habilitado, desde onte, para impoñer multas ás empresas que non respecten as normas de seguridade sanitaria contra a Covid-19. Os importes das sancións poderán ser de 2.046 até 40.985 euros segundo a súa gravidade. Até agora a súa función era transmitir as irregularidades ás autoridades sanitarias.  
Operarias e operarios acceden á factoría de PSA Citröen en Vigo (Grupo PSA)
Operarias e operarios acceden á factoría de PSA Citröen en Vigo (Grupo PSA)

A Inspección de Traballo podía detectar, mais non sancionar, as irregularidades que atopaba nas empresas relacionadas coa protección da saúde como consecuencia da pandemia da Covid-19. A competencia era de Sanidade, polo que o seu cometido remataba coa advertencia á empresa e con pasar un informe ás autoridades sanitarias. Esta circunstancia deixaba, en moitas ocasións, sen sanción a irregularidade atopada.

Agora un decreto publicado onte no Boletín Oficial do Estado (BOE) habilita este corpo de Inspección a abrir expedientes e a impoñer importantes sancións económicas que poden ir desde 2.046 até 40.985 euros. A cantidade da sanción conta cunha gradación relacionada coa gravidade da irregularidade detectada. A multa en grao mínimo iría de 2.046 até 8.195 euros; no seu grao medio, de 8.196 até 20.490 euros; e no seu grao máximo, de 20.491 até 40.985 euros.

Infraccións graves

Segundo o decreto aprobado onte, no apartado de irregularidades graves estarían aquelas situacións relacionadas coa non adopción de medidas axeitadas de ventilación, limpeza e desinfección en relación coas características e intensidade de uso dos centros de traballo, ademais de poñer a disposición do persoal auga, xabón e xeles hidroalcólicos.

Considérase da mesma maneira grave que  no lugar de traballo ou nos espazos espazos comúns do mesmo non se garde a distancia de seguridade mínima de 1,5 metros e non se adopten disposicións que eviten a coincidencia masiva de persoas. Estas medidas preventivas coinciden coas  que se aprobaron o pasado 9 de xuño no decreto que regulou as condicións xerais da denominada "nova normalidade".

Fraude nos ERTE

A Inspección de Traballo iniciou a principios de xullo unha campaña para atender as denuncias presentadas en relación a fraudes en prestacións por desemprego e outros vencellados a expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) como consecuencia da pandemia. Entre as irregularidades que constataron figura a realización de horas extraordinarias con persoal reincorporado, mantendo persoas traballadoras en ERTE.

A intención é que a Inspección faga na Galiza 747 visitas específicas para tratar este tema, a maior parte nas comarcas da Coruña (311), seguida das de Pontevedra (291), Lugo (79) e Ourense (66). Desde o sindicato de Inspectoras e Inspectores de Traballo e Seguridade Social (SITSS) a súa presidenta, Ana Ercoreca, sinala que "faltan medios, temos 1.050 persoas  para todo o Estado español".

Denuncias en PSA

O día 3 de xullo CIG e CUT denunciaron en varias Administracións, entre elas ante a Inspección de Traballo, que PSA-Citröen mudou este mes, sen consultar coas organizacións sindicais, as medidas de seguridade pola pandemia na súa factoría de Vigo. A empresa, segundo explicaron daquela os sindicatos a Nós Diario, limitou o uso de vestiarios e duchas, polo que o persoal ten que acceder ao recinto con roupa de traballo. Da mesma maneira restrinxiron o acceso aos servizos e ás zonas onde hai máquinas de expedición de alimentos, reducindo os tempos de descanso, polo que non teñen posibilidade de acceder con liberdade nas pausas laborais. 

Por último denunciaron tamén que se aumentou a velocidade das cadeas, chegando a ritmos anteriores ao estado de alarma e empregando equipos de protección individual (EPI) sen que pasen por unha avaliación de riscos. Diante desta situación pedíronlle á dirección da multinacional explicacións. "A empresa asegurounos que non realizou ningún estudo e o persoal está a traballar todos estes días con máscaras e temperaturas de até 32º", expoñen os sindicatos. A Inspección de Traballo con este decreto poderá agora valorar se son certas estas irregularidades e actuar en consecuencia. 

comentarios