O BOE publica a prórroga dos ERTE até setembro e das prestacións extraordinarias a autónomos

As compañías en ERTE beneficiaranse de exoneracións das cotas á Seguridade Social durante os meses de verán e manterase a prohibición de despido por causas obxectivas ou de suspensión dos contratos temporais. Inclúese unha nova modalidade de ERTE para as empresas que se vexan obrigadas a fechar por mor dun rebrote.
erte
photo_camera erte

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este sábado o real decreto-lei que prorroga até o 30 de setembro os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) asociados á COVID-19 así como a prestación extraordinaria para autónomos e autónomas cunha actividade diminuída a causa da crise.

No Real Decretro-lei destacan dúas medidas en relación aos ERTE: o mantemento dos de forza maior total para empresas que non retomasen a actividade e a posibilidade de que as compañías que se vexan forzadas a suspendela de novo por mor dun rebrote poidan acollerse a estes procedementos.

Aos ERTE de forza maior total vixentes a día de hoxe aplicaráselles unha exención das cotas á Seguridade Social que diminuirán a medida que avance o verán: 70% en xullo, 60% en agosto e mais 35% en setembro para empresas de menos de 50 traballadoras e traballadoras. As que superen ese persoal beneficiaranse de reducións de 50% en xullo, 40% en agosto e 26% en setembro.

No caso de compañías que se vexan obrigadas a fechar por mor dun rebrote permitirase que se acollan a un ERTE de forza maior total, cunha exoneración das cotas á Seguridade Social de 80% para as de menos de 50 traballadores e traballadoras e de 60% se superan esa cifra.

No caso dos ERTE de forza maior parcial ou por causas obxectivas (sexan técnicas, organizativas, económicas e de produción), as exoneracións das cotas á Seguridade Social serán maiores para o persoal reincorporado: nas compañías de menos de 50 persoas, de 60% por quen retome a actividade e 35% por quen siga en ERTE; para as de máis de 50, 40% por quen se reincorpora e 25% por quen continúa en ERTE. Previamente, estas exencións só aplicaban nos ERTE de forza maior total.

As prestacións por desemprego asociadas aos ERTE manteranse até o 30 de setembro, agás aquelas de persoal fixo discontinuo, que se prolongarán até o 31 de decembro. O persoal afectado seguirá tendo dereito á prestación aínda que non cotizasen o mínimo e o tempo que gasten con esa axuda non contará.

A norma prohibe ás compañías nun ERTE a realización das horas extraordinarias, a reactivación ou estabelecemento de externalización de actividades ou a concertación de novos contratos, coa excepción de se o propio persoal non está capacitado por falta de formación ou outras razóns obxectivas.

A nova regulación que se estende até setembro prohibe as compañías con domicilios en paraísos fiscais acollerse a estes procedementos así como o reparto de dividendos do exercicio de 2020 en compañías de máis de 50 persoas. Ademais, prorrógase o compromiso de mantemento do emprego a seis meses no caso de compañías que realicen o ERTE por causas obxectivas e mantense até o 30 de setembro a “prohibición” de despido por causas obxectivas e mais a suspensión de contratos temporais, incluídos os de formación, relevo ou interinidade.

Prestación de persoas autónomas

Tamén se prorroga até o 30 de setembro a prestación extraordinaria para traballadoras e traballadores autónomos habilitada a mediados de febreiro para quen tivese ou teña perdas de ingresos considerábeis. As medidas inclúen unha prórroga da exención de cotas á Seguridade Social para quen recibise esta prestación até o 30 de xuño, cunha exención de 50% en agosto e 25% en setembro.

As persoas cuxa actividade segue moi afectada polos efectos da pandemia poderán acceder á prestación ordinaria por cese de actividade se a súa facturación por terceiro trimestre sexa 75% máis baixa que no mesmo período do pasado ano e cando os rendementos netos no período non superen unha contía equivalente a 1,75 veces o Salario Mínimo Interprofesional do trimestre. Esta posibilidade será incompatíbel coa actividade.

Poderán solicitar estas axudas as persoas autónomas cuxo único traballo ao longo dos últimos dous anos se desenvolvese no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Réxime Especial de Traballadoras do Mar entre marzo e outubro e permanecesen de alta un mínimo de cinco meses ao ano nese período. Ademais, os seus ingresos non poderán superar os 23.275 euros en 2020.

Comentarios