Alcoa non retomará a fundición de aluminio até mediados de novembro

A planta de San Cibrao fica sen retomar a actividade.
Instalacións de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa vén de trasladar ao comité de empresa da planta de San Cibrao, en Cervo (A Mariña), que prevé retomar a actividade da fundición de aluminio a mediados de novembro, despois de decidir a súa paralización o pasado 2 de outubro, segundo informou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, despois dunha reunión mantida esta segunda feira con directivos da empresa.

Zan criticou unha "moi mala comunicación" por parte da empresa a respecto desta parada, pois con outro proceder, dixo, evitaríase que "todos os traballadores e toda A Mariña" estivesen "a tremer e pendentes dun fío sobre a fábrica". Os sindicatos expresaron o seu "malestar" co feito de que se tivera unha reunión nunha sexta feira, e que na segunda feira seguinte segunda feira se tomase a decisión de paralización da fundición "sen comunicación".

"Necesitamos tranquilidade para que os clientes sigan comprando", razoou Zan, coa finalidade de que se poida "aumentar a carteira e o número de pedidos e pór a fundición como desexamos todos", agregou.

Para xustificar esta parada, a empresa informou na altura de que a planta de aluminio esgotara todo o seu inventario, polo que paraba temporalmente os seus fornos "debido a unha difícil situación de mercado, que inclúe os altos custos de enerxía e falta de pedidos de clientes".

A fundición poderá retomar as súas operacións se as condicións do mercado melloran, despois de que a planta de aluminio continuara operando tras a parada das cubas de electrólise en xaneiro de 2022. Non obstante, a compañía garantiu que o axuste da produción "non terá ningún impacto no emprego da planta, o seu mantemento, nin nos investimentos previstos".

Por outra parte, o Goberno do Estado español convocou para hoxe unha reunión de seguimento da situación na planta. Un encontro que obrigou o comité de empresa a aprazar até a próxima sexta feira unha asemblea de persoal para decidir as "medidas a tomar" ante a decisión de paralización da fundición de aluminio.

Comentarios