Ibermutua denega prestacións a mariscadoras de Noia: a confraría asumirá a súa defensa legal

Parte do sector nas zonas máis afectadas pola mortaldade do marisco critican as insuficientes axudas da Xunta ante a mortaldade de marisco.
Unha mariscadora da Confraría de Noia durante a súa xornada (Foto: Pedro G. Losada).
photo_camera Unha mariscadora da Confraría de Noia durante a súa xornada. (Foto: Pedro G. Losada).

A empresa madrileña Ibermutua deixou sen a súa prestación a varias das máis de 1.500 mariscadoras e mariscadores da Confraría de Noia afectadas pola veda á extracción de bivalvo declarada pola Xunta da Galiza nos bancos do pósito noiés.

Segundo unha notificación da compañía a unha das persoas afectadas, á que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, esta firma aduce que "o traballador autónomo ao que se lle tivera recoñecido o dereito á protección económica por cesamento da actividade poderá volver solicitar un novo recoñecemento, sempre que concorran os requisitos legais e transcorresen 18 meses desde o recoñecemento do último dereito a prestación". 

Neste sentido, esta empresa entende que "non transcorreron 18 meses entre a finalización desa prestación [recibida entre marzo e abril de 2023] e a solicitada [en novembro do mesmo ano]". Porén, segundo estabelece a orde da Xunta, a veda para "fechar os bancos marisqueiros incluídos no plan de xestión desde o 2 de novembro" realizábase "dando continuidade á resolución do 27 de febreiro".

En consecuencia, tanto o resto de mutuas e o Instituto Social da Mariña (ISM), que si están concedendo as prestacións, entenderon que non se trata de dous cesamentos diferentes, polo que non tería sentido, defende o pósito, a contabilización de 18 meses entre as dúas prestacións.

Fontes da Confraría de Noia consultadas por Nós Diario aseguran que recorrerán a decisión da compañía madrileña, e que, en caso de que non atenda as súas razóns, asumirán a defensa xurídica ante a Xustiza daquelas persoas asociadas ao pósito.

Axudas directas

As axudas directas e extraordinarias ao sector marisqueiro anunciadas pola Xunta da Galiza foron publicadas esta quinta feira polo Diario Oficial da Galiza (DOG). Porén, parte do sector das zonas máis afectadas pola mortaldade do marisco resalta que a contía (550 euros) é insuficiente e que non se está a ter en conta que pósitos tiveron unha maior mingua de ingresos nesta crise.

Comentarios