A Xunta escúdase no recrutamento de cría para evitar analizar a mortaldade do bivalvo nas rías

O sector marisqueiro sofre unha fonda crise na rías de Arousa e de Noia.
Un técnico da Confraría de Noia realizando mostraxes sobre a poboación de bivalvo na ría (Foto: Confraría de Noia).
photo_camera Un técnico da Confraría de Noia realizando mostraxes sobre a poboación de bivalvo na ría (Foto: Confraría de Noia).

A pesar da alta mortaldade do marisco en puntos como os Lombos do Ulla por problemas como a baixa salinidade, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, valorou esta terza feira que as últimas análises lanzan un bo nivel de recrutamento de cría de bivalvo na ría de Arousa.

Tanto o BNG como o PSdeG denunciaron no Parlamento da Galiza nos últimos meses a falta de control sobre as liberacións de auga desde as centrais hidroeléctricas, que teñen provocado episodios de moi baixa salinidade que xeraron altas mortaldades do marisco na ría de Arousa e na de Noia, que chegaron a ser de até 81% no caso do berberecho adulto na segunda destas.

Ambos os grupos da oposición teñen pedido en diversas ocasións o estabelecemento dun protocolo de desaugue das centrais hidroeléctricas que exerza un maior control sobre as empresas enerxéticas e que garanta unha maior participación das confrarías, algo ao que o Executivo galego se negou.

A respecto da ría de Arousa, o deputado socialista Julio Torrado preguntouse esta terza feira na Comisión de Pesca "que máis ten que pasar" para que a Xunta da Galiza acepte que existe un "evidente problema" co marisqueo, para o que demandou "decisións distintas das tomadas até o de agora", xa que hai 10 anos había o dobre de produción.

No caso concreto dos Lombos do Ulla, houbo dous eventos de salinidades baixas que provocaron episodios de mortalidade "moi severas", cunha poboación de berberechos tamén sometida a brotes epidémicos de 'marteilia cochillia' que derivaron no falecemento de moitos individuos desde o ano 2012. 

Ademais, esta enfermidade detectouse en abril en 32% dos berberechos, provocando que os exemplares non alcanzasen o tamaño comercial. Tampouco se detectou ameixa fina e babosa que cumprira os criterios para a venda, polo que se fecharon os bancos á extracción. No caso de Noia, a mortaldade do marisco fai que se prevea que a campaña que comezou esta segunda feira se converta na peor da historia.

Comentarios