Gandeir@s colapsan Lalín na defensa do sector lácteo

Medio milleiro de tractores e por volta de 1.000 persoas percorreron as rúas da vila polo futuro do leite na Galiza.

Campo galego
photo_camera [Imaxes @campogalego]

As explotacións gandeiras manteñen o almanaque de mobilizacións perante a crise que atinxe o sector. Desta volta, Lalín acolleu unha multitudinaria tractorada da que fixeron parte por volta de 500 vehículos e un milleiro de persoas. Reclaman actuacións das administracións galegas e española a prol dun prezo digno para o leite en orixe e solucións que garantan a viabilidade dun sector estratéxico para a economía galega. 

Na mobilización, que contou cun importante apoio social e político na vila pontevedresa, puidéronse ler faixas que ligaban o futuro do sector ao do rural e ao da propia veciñanza. Aliás, víronse representantes políticos e responsábeis públicos como o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña (CxG) quen se subiu mesmo nun tractor para acompañar @s manifestantes; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE) ou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. 

As explotacións gandeiras, o primeiro elo da cadea de valor do leite e o máis prexudicado pola crise que atinxe o sector, reclaman a intervención pública para garantir uns prezos dignos en orixe. Neste senso, instan a administración a adoptar medidas como as implementadas polo goberno francés que garantirá un incremento de 4 céntimos no prezo do litro distribuído para que repercuta nun aumento do valor en orixe. 

Porén, o goberno español rexeita a medida argüíndo que as leis de competencia o imposibilitan. 

Comentarios