A Galiza é a quinta autonomía do Estado cunha maior sinistralidade laboral

O índice de incidencia de accidentes de traballo mortais en xornada laboral da Galiza segue a ser moito máis alto que o do conxunto do Estado español.
Dous operarios da construción traballando (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Dous operarios da construción traballando (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Corenta foi o número de traballadores que perderon a vida en accidente laboral nos primeiros oito meses de 2023. Así se desprende dos datos provisionais feitos públicos no día de onte polo Ministerio de Traballo. A falta de coñecer cifras máis pormenorizadas, o que si se sabe é que entre xaneiro e xuño deste ano se rexistraron un total de 13.346 accidentes laborais, 4,4% menos que no mesmo período do ano anterior, 2022.

O índice de incidencia de accidentes de traballo mortais en xornada laboral da Galiza segue a ser moito máis alto que o do conxunto do Estado español. Mentres que no país tiveron lugar 0,439 accidentes ao mes por cada 100.000 traballadores e traballadoras, a cifra descende a 0,234 a nivel estatal.

A maior parte dos accidentes mortais prodúcense por infartos e derrames cerebrais, accidentes de tráfico, atrapamentos e amputacións, caídas e colisións contra obxectos en movemento. Por outra parte, na estatística con respecto aos accidentes laborais que causan unha baixa, a Galiza (tan só por riba da Comunidade de Madrid) si se sitúa por baixo da media estatal.

Acordo no Parlamento

Por outra parte, tamén no día de onte, a comisión de industria do Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo e para a mellora das condicións laborais, co fin de frear a perda de vidas humanas. 

A iniciativa, defendida pola nacionalista Carmela González, recordaba que o 24 de novembro de 2022 un peón de 42 anos faleceu nos estaleiros Cardama de Vigo ao caerlle enriba un bloque de aceiro e que o 20 de setembro de 2023 un operario de 41 anos perdía a vida nos estaleiros Armón de Vigo ao ficar esmagado por un guindastre.

Comentarios