A Galiza destruíu 9.200 empregos no último trimestre de 2022

No país, máis de 200.000 persoas menores de 30 carecen dun posto de traballo.
A taxa de temporalidade entre as persoas galegas de entre 16 e 29 anos rematou o ano 2022 nunha porcentaxe de 39,9% (Foto: Nós Diario).
photo_camera A taxa de temporalidade entre as persoas galegas de entre 16 e 29 anos rematou o ano 2022 nunha porcentaxe de 39,9% (Foto: Nós Diario).

O cuarto trimestre de 2022 rematou na Galiza con 1.104.500 persoas ocupadas -que tiñan un emprego remunerado ou exercían unha actividade independente e atopábanse traballando ou ben, mantendo un vínculo formal co seu emprego, atopábanse ausentes por vacacións, baixa ou outro motivo-, un total de 9.200 menos que no trimestre anterior (-0,83%), segundo a Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre, dada a coñecer esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Os datos de ocupación son mellores en termos interanuais, marcando certa recuperación do emprego após a crise da pandemia. Os datos amosan que hai na Galiza 13.200 ocupados máis con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (+1,2%)

O número de persoas activas -que están empregadas ou ben desenvolven unha busca activa de emprego-, tamén caeu no último trimestre, en 12.700, 1,02% menos que con respecto a setembro de 2022. Así, a taxa de actividade galega é de tan só 52,7%, fronte á de 58,5% no Estado. Ademais, esta taxa baixa tamén en relación ao terceiro trimestre, cando era de 53,3%.

Porén, o ano rematou con 131.400 persoas desempregadas. Así, o número de persoas no paro ficou nas 131.400, 3.500 menos que en setembro, cun descenso de 2,58%. No total do ano 2022, o desemprego baixou en 3.700 persoas na Galiza, o que supón unha caída de 2,73% respecto ao exercicio anterior.

Desta forma, a taxa de paro galega fechou o ano en 10,63% -10,8% no trimestre anterior-, dous puntos menos que a media estatal (12,87%), sendo a Galiza a sétima autonomía con menos desemprego. A taxa de paro masculina é de 9,81%, mentres que a feminina é de 11,49%.

A ocupación por sectores

A industria foi o sector económico onde máis descendeu a poboación ocupada respecto do trimestre anterior, con 6.800 persoas menos (-4%), seguida da construción, coa perda de 5.000 persoas ocupadas (-6,7%), mentres que aumentou en agricultura en 3% e en servizos en 0,1%. 

Respecto do mesmo trimestre do ano pasado, a industria perdeu un total de 10.700 persoas ocupadas (-6,2%) e a construción un total de 1.300 (-1,8%), ao tempo que aumentou a poboación ocupada no sector servizos, en 20.200 (+2,6%).

Reaccións sindicais

O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, destacou que "a taxa de actividade galega é a segunda máis baixa do Estado, despois de Asturies", e que, "ao haber menos persoas activas evidentemente a taxa de paro é máis baixa”. Sío advertiu que “estamos perdendo poboación e, polo tanto, poboación activa, coas consecuencias que iso ten para a nosa economía e para a Galiza como país”.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, tamén mostrou preocupación pola taxa galega de actividade. Ademais, puxo o foco "na necesidade de que a Xunta empregue as súas competencias para que se recupere o volume de emprego industrial". 

Pola súa parte, o secretario xeral de UXT, José Luís Fernández Celís, remarcou como un problema importante "o paro de longa duración, que neste último trimestre situouse en 47.000 persoas".

Máis de 64% da mocidade galega está en paro ou inactiva

28.800 persoas galegas de entre 16 e 29 anos están en situación de desemprego, 8,9% do total (-15,5% respecto a finais de 2021), un dato que semella menos positivo ao ter en conta que 178.600, 55,2% do total, está inactivo (+3,1%).

Desta forma, das 323.800 persoas entre 16 e 29 anos que hai na Galiza, tan só 116.400 (35,9%) estaban ocupadas a finais de 2022. Porén, supón unha taxa 2,7% maior que a de decembro de 2021, con 3.100 persoas mozas con traballo máis, segundo os datos da EPA.

No cuarto trimestre de 2022, 76,5% das persoas ocupadas de entre 16 e 29 anos traballaba a xornada completa. Con respecto ao terceiro trimestre de 2022, esta cifra baixa 4%, mentres que en comparación con decembro de 2021 o dato aumentou 3,6%. Ademais, a taxa de temporalidade entre as persoas ocupadas de entre 16 e 29 anos ascende a 39,9%.

Comentarios