Galiza será a única comunidade do Estado que perderá emprego en 2023

As proxeccións económicas para 2023 sitúan a Galiza na cola do Estado en crecemento económico e en creación de emprego. Neste sentido, o informe elaborado polo BBVA apunta a unha perda de emprego de 0,7%.

Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Oficina de Emprego de Compostela. (Foto: Arxina)

O servizo de estudos do BBVA vén de presentar unhas proxeccións económicas moi pesimistas para Galiza. Os datos recollidos, no seu último “observatorio rexional” elaborado en decembro deste ano, adiantan unha caída do emprego para 2023 de 0,7%.

Galiza é a única comunidade do Estado que perderá emprego en 2023. Segundo este relatorio, o emprego medrará de media no Estado para ese período en 1,1%, liderando a creación de postos de traballo Canarias cunha suba de 4%, Illes Balears con 2,9% e Madrid con 2,2%.

O peor comportamento do emprego no Estado rexistrarase na Galiza, cunha baixa de 0,7%. Acompañan ao país nos postos de cola, País Valenciá, onde a poboación ocupada medrará en 0,1%, Castela e León cunha suba de 0,4% e Andalucía cun incremento de 0,5% .

O emprego en 2022

Os datos referidos a 2022 non deixan, tampouco, en bo lugar a Galiza. Segundo o informe do BBVA, a creación do emprego no país estivo 1,7 puntos por baixo da media estatal.

Galiza foi o cuarto territorio que menos emprego creou en 2022. Atrás súa, só ficaron Asturias, Cantabria e Aragón. Porén, para estes territorios o BBVA prevé un crecemento máis elevado que Galiza en 2023.

O relatorio do BBVA coloca a Galiza nos postos de cola en incremento de PIB para 2023. Neste sentido, avanza un crecemento de 0,5%, revisando a alza a súa anterior proxección de outubro que o situaba en 0%.

Galiza á cola de incremento do PIB

O crecemento proxectado polo BBVA para Galiza coincide co previsto pola (AIReF). Neste caso, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) sitúa a alza do PIB galego para 2023 en 0,6%.

As previsións do BBVA e da AIReF rebaixa as proxección de crecemento recollidos nos orzamentos galegos de 2023, situadas polo Goberno galego en 1,7%. O desfase entre as dúas cifras apunta a un incremento da débeda pública e do déficit para 2023.

Comentarios