2022 fechou con 3.700 parados menos na Galiza

O pasado ano, segundo a EPA, creáronse no conxunto do país uns 13.200 postos de traballo.
Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O paro baixou en 3.700 persoas na Galiza en 2022, o que supón unha caída de 2,73% a respecto do ano precedente, mentres que o emprego medrou en 13.200 postos de traballo (+1,21%), segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada esta quinta feira polo INE.

Así, o total de persoas ocupadas galegas ascendeu a 1,1 millóns, 9.200 menos que no trimestre anterior, caendo até 0,83% en comparanza coa enquisa publicada o pasado mes de setembro.

Pola súa parte, o número de parados galegos a finais de ano quedou en 131.400 persoas, 3.500 menos que en setembro, o que se traduce nun descenso de 2,58%.

Con esta caída, a Galiza situouse entre as tres comundiades autónomas onde máis caeu o paro de forma trimestral, só superada por Canarias (-35.200 persoas) e Murcia (-11.700 persoas).

Estes datos supoñen que a taxa de paro galega fechou o ano en 10,63%, dous puntos menos que a media estatal (12,87%), sendo deste modo o sétimo territorio con menos desemprego. Por sexos, a taxa de paro masculina é de 9,81%, mentres que a feminina é maior, cun rexistro de 11,49%.

Datos estatais

O paro baixou en 79.900 persoas en 2022 no conxunto do Estado español, o que supón 2,6% menos que en 2021, mentres o emprego creceu en 278.900 postos de traballo (+1,4%), sempre segundo estes datos do INE.

Ambas as cifras son mellores que as de 2020, ano no que o estoupido da pandemia levou aos peores rexistros de paro e ocupación desde 2012, se ben fican moi afastados dos de 2021, cando se xeraron 840.700 empregos e o paro diminuíu en máis de 600.000 persoas.

Exceptuando 2020, o ano da Covid-19, o incremento da ocupación rexistrado en 2022 é o peor dato desde 2013, ano no que se destruíron 204.200 empregos. No caso do paro, sen contar 2020, o descenso de 2022 sería o peor rexistro desde 2012, cando o desemprego aumentou en máis de 700.000 persoas.

Co dato de 2022, o paro acumula dous anos consecutivos de retrocesos. No caso da ocupación, encadéanse dous anos de crecemento do emprego após un 2020 no que se destruíron 622.000 postos de traballo.

A taxa de paro situouse ao remate do pasado ano en 12,87%, porcentaxe catro décimas inferior á de 2021, mentres o número total de desempregados fechou o exercicio por riba dos 3 millóns, logo de baixar desa cifra no terceiro trimestre de 2022. En concreto, o ano finalizou con 3.024.000 desempregados, en tanto que o número de ocupados ficou en 20.463.900, a cifra máis alta nun feche de ano desde 2007.

A estas cifras chegouse despois de que no cuarto trimestre de 2022 o paro experimentase unha suba de 43.800 persoas (+1,47%) e a ocupación diminuíse en 81.900 persoas (-0,4%).

Comentarios