A afiliación á Seguridade Social caeu na Galiza en 5.345 persoas en decembro

O desemprego descendeu na Galiza 6,79% en 2022, case dous puntos porcentuais menos do que caeu no Estado. Por outra parte, en decembro diminuíu a contratación con respecto a novembro (-17,93%) e con respecto ao mesmo mes de 2021 (-28,62%). Ademais, no último mes do ano tamén caeu a afiliación á Seguridade Social, en 5.345 persoas.
O sector servizos propiciou o mantemento das cifras de emprego na Galiza, mentres aumentou o paro no resto de sectores (Foto: Europa Press).
photo_camera O sector servizos propiciou o mantemento das cifras de emprego na Galiza, mentres aumentou o paro no resto de sectores. (Foto: Europa Press)

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego rexistrou en 2022 na Galiza un descenso de 10.362 persoas (-6,79%), unha caída menor que o do conxunto do Estado español (-8,6%), segundo os datos que publicou esta terza feira o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Tras esta caída interanual -a de decembro de 2022 respecto ao mesmo mes de 2021-, o total de persoas desempregadas na Galiza sitúase en 142.222. Son 536 menos que en novembro, cun descenso de 0,38%.

No conxunto estatal, o desemprego baixou en 268.252 persoas (-8,6%), até un total de 2.837.635 persoas desempregadas, a menor cifra nun fechamento de ano desde 2007.

En relación con novembro, o paro aumentou na Galiza en 44 persoas na agricultura, 318 na industria e 342 na construción. Así, o descenso do desemprego veu marcado polo sector servizos, con 955 desempregados menos, así como polo colectivo sen emprego anterior, onde tamén baixou en 285 persoas.

A Galiza rexistrou 217.219 persoas demandantes de emprego, delas 43.053 ocupadas (con emprego remunerado ou unha actividade laboral independente), 21.294 que indicaron condicións especiais de traballo (cun emprego con regulación específica) e 152.872 non ocupadas (que non exercen unha actividade laboral). Estas últimas son 1.345 menos que en novembro (-0,87%) e 10.602 menos que en decembro de 2021 (-6,49%). Ademais, o desemprego afectou na Galiza ao fechamento de 2022 a 10.473 persoas estranxeiras, unha menos que en novembro (-0,01%) e 157 máis que no final de 2021 (+1,52%).

Baixa a contratación

En decembro asináronse 52.044 contratos na Galiza, 11.374 menos que en novembro (-17,93%) e 20.870 menos que en decembro de 2021 (-28,62%). Deles, 15.259 foron indefinidos (5.268 menos que en novembro e 8.364 máis que en decembro de 2021) e 36.785 temporais (6.106 menos que en novembro e 29.234 menos que en decembro de 2021). No acumulado, a Galiza conta con 845.243 contratos: 270.520 indefinidos -32% do total- e 574.723 temporais -68%-.

Menos afiliación que no mes de novembro

O número medio de persoas afiliadas á Seguridade Social fechou 2022 na Galiza en 1.042.263, cun aumento interanual de 9.479 persoas (+0,92%), case tres veces menor que a suba de 2,4% no conxunto do Estado español.

En relación con novembro, o dato de decembro supón un descenso das cotizacións de 5.345 persoas, unha baixada de 0,51%. Por réximes, 816.112 das afiliacións foron no xeral, 206.225 foron persoas traballadoras por conta propia e 19.925 foron traballadoras do mar.

O Ministerio informou de que as persoas traballadoras na Galiza en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situáronse ao finalizar decembro en 698. Ademais, tamén se notificaron 115 persoas nun ERTE por forza maior, e outras 40 no ERTE sectorial de axencias de viaxes.

Reaccións sindicais

A CIG afirmou que os datos "evidencian unha vez máis a fraqueza e os problemas estruturais que padece o mercado laboral galego, que continúa a expulsar persoas traballadoras, con 5.345 afiliadas menos en decembro con respecto ao mes anterior". 

Nun contexto ademais, sinala a central sindical, "dun leve descenso (536) -do desemprego- ligado á contratación a tempo parcial no sector servizos coincidindo coa campaña de Nadal".

Para CCOO, os datos do paro rexistrado do mes de decembro "evidencian un bo comportamento do emprego no ano 2022". Porén, segundo explica o sindicato, "como adoita ser habitual nos últimos meses, as cifras son peores na Galiza que no conxunto do Estado español".

Pola súa parte, UXT reclamou "políticas máis eficaces contra o paro de longa duración" e reafirmou a súa "estratexia de mobilización" para "exixir ás patronais incrementos salariais xustos e cláusulas de revisión salarial nos convenios colectivos".

ATA sinala que a Galiza está á cabeza na perda de autónomos

A Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) cualificou 2022 como un "mal ano" para o colectivo na Galiza, coa perda de 2.897 cotizantes a final de ano, ao pasar de 208.809 a 205.912, cunha diminución de 1,4%.

ATA lamentou que a Galiza sexa a primeira autonomía do Estado en perda de persoas traballadoras por conta propia e sitúa 2022 como "o peor" exercicio desde 2012, segundo as cifras do informe realizado pola asociación.

"As últimas medidas aprobadas polo Goberno estatal quedan curtas, a limitación de 2% á suba do alugueiro da vivenda tamén se debería aplicar aos locais comerciais e a bonificación aos combustíbeis debería de chegar a todos os autónomos para os cales o vehículo é fundamental para o desenvolvemento da súa actividade", advertiu ATA.

Comentarios