Persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar convocado á folga lamenta a "nula vontade" de negociar

Entre setembro e decembro faranse paros de 15 días mensuais nas escolas da Galiña Azul, centros de día, residencias e outros servizos xestionados polo Consorcio. As persoas traballadoras urxen pór fin ao "abuso da temporalidade" na nova OPE para evitar "un ERE encuberto de mulleres que culminará co desmantelamento dos equipos de traballo".
Unha das protestas convocadas polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha das protestas convocadas polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. (Foto: Europa Press)

O persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, responsábel da rede de escolas infantís A Galiña Azul, residencias, centros de día e outros servizos públicos, está chamado á folga a partir do vindeiro mes de setembro, e até decembro, con paros de 15 días mensuais para denunciar a situación de "fraude de lei" que, aseguran, padecen por mor do "abuso da temporalidade".

Nesta segunda feira, a través dun comunicado remitido aos medios, a CNT, entidade convocadora, vén de lamentar a "nula intención política de negociar para evitar a parálise" duns servizos que afectan máis de 5.000 familias na Galiza.

"O proceso selectivo que se está a negociar non busca a estabilización do persoal e desmantelará os equipos de traballo. O resultado será a perda de capital humano, algo insubstituíbel, e redundará na diminución irremediábel da calidade do servizo", denuncian, nun manifesto no que se desculpan coas familias por chegaren a este extremo.

Demandas do persoal para desconvocar a folga

No texto lembran tamén as súas demandas: "Exiximos un proceso diferenciado do da Xunta por ser o Consorcio un ente non integrado, e con particularidades, que de non telas en conta, suporían unha grave discriminación: durante máis de dez anos as nosas nóminas foron entre 30% e 40% máis baixas que as do persoal da Xunta; non tiñamos acceso a formación; o Consorcio empezou a funcionar hai 15 anos, e pretenden que o cómputo máximo para a experiencia no posto sexa de 25 anos. Agora queren que compitamos nun mesmo proceso no que estariamos claramente en desigualdade de condicións", precisan.

Neste senso, piden que a súa experiencia no traballo diario no Consorcio conte o triplo que en calquera outra administración, "exactamente igual que ocorre no ámbito doutros entes como o Consorcio", indican.

O persoal pide que a OPE para as prazas con "abuso da temporalidade" teña unha fase de oposición non eliminatoria

Así, exixen tamén que o concurso de méritos valore 90% a experiencia no posto de traballo e 10% a formación, e urxen que puntúe no proceso a formación especializada recibida dentro do propio Consorcio.

De forma paralela, instan a que a oferta pública de emprego (OPE) para as "prazas con abuso de temporalidade entre 3 e 5 anos" teña unha fase de oposición non eliminatoria, "tal e como recolle a lei".

"Se non se cumpren estas exixencias, o proceso selectivo resultante non será para a estabilización do persoal temporal abusado; será un ERE encuberto de mulleres que culminará co desmantelamento dos equipos de traballo", advirte o persoal.

Comentarios