Frigolouro despide cinco operarios que secundaron a greve

As rescisións dos contratos xa foron denunciadas persante Inspección de Traballo. 

Frigolouro_CIG
photo_camera [Imaxe CIG]

A empresa de procesados cárnicos de Vigo Frigolouro despediu cinco dos operarios que secundaron a folga indefinida convocada polo cadro de persoal para exixir condicións laborais dignas. Así o denunciou a Confederación Intersindical Galega (CIG) após notificárenlles a catro desas persoas que non superaran o período de probas de 6 meses e a outra que a súa saída da empresa respondía a supostas ameazas a outro traballador por non secundar a greve. 

O persoal que volveu ao traballo estivo vixiado por gardas de seguridade que os acompañaban mesmo ao cuarto de baño

Desde a central sindical comunicaron que as rescisións dos contratos foron denunciadas xa perante inspección de traballo pois, apuntan, "curiosamente, as cinco persoas despedidas participaron tanto nas xornadas de folga como nas mobilizacións convocadas para reclamar melloras nas condicións laborais". Neste senso, explican que a readmisión do persoal despedido "será a principal reivindicación en calquera negociación coa empresa". 

Así mesmo, a CIG denunciou que o persoal de Servicarne que regresou ao seu posto de traballo nos últimos días estivo "vixiado por gardas de seguridade" durante a xornada laboral e "mesmo os acompañaban até o cuarto de baño", subliñan. 

Os operarios de Frigolouro manteñen unha greve indefinida para conseguir mellores condicións de traballo. Trátase de persoal contratado como falsos autónomos. “Sofremos condicións laborais propias dun réxime de semi-escravitude”, explicaba en conversa con Sermos Galiza Suso García da CIG. 

Comentarios