Volve o conflito laboral a Inditex: A CIG convoca folga indefinida en Massimo Dutti

A CIG cifra en 45 as traballadoras afectadas pola nova clausura de locais.
Mobilización do persoal das tendas de Inditex, convocada pola CIG e por UXT, o pasado 25 de novembro de 2022, na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Mobilización do persoal das tendas de Inditex, convocada pola CIG e por UXT, o pasado 25 de novembro de 2022, na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A federación de Servizos da CIG en Santiago de Compostela convocou, segundo anunciou esta quinta feira, folga indefinida a partir da próxima segunda feira, 23 de xaneiro, na tenda de Massimo Dutti que Inditex ten no Centro Comercial das Cancelas.

A convocatoria prodúcese despois de que a multinacional comunicara a súa decisión de fechar este centro de traballo, afectando nove persoas traballadoras, así como o de Oysho, no mesmo centro comercial, que afecta seis empregadas.

Segundo sinala a Nós Diario Carmen Naveiro, representante da CIG, non son as únicas tendas nas que a empresa ten decidido baixar a reixa, xa que “tamén anunciou a súa intención de fechar os Bershka de Vilagarcía e Pontevedra e o Kiddy’s Class de Vigo”. 

O conxunto dos fechamentos afectará na Galiza un total de 45 traballadoras e traballadores. A empresa, para xustificar esta medida, "ampárase unha vez máis no acordo asinado con CCOO e UXT sobre o proceso de dixitalización das vendas", que “lle permite fechar tendas, non porque dean perdas senón para obter máis beneficios a custo das traballadoras”, denuncia a representante sindical da CIG.

Este conflito enmárcase no proceso iniciado pola multinacional a principios de 2021 que, na Galiza, xa supuxo fechamentos doutras cadeas en cidades como A Coruña, Santiago de Compostela ou Ferrol. Fechamentos que, segundo denuncia a central sindical nacionalista, "non van acompañados dun proceso de recolocación para as traballadoras e traballadores afectados con garantía de mantemento do emprego e de condicións laborais e salariais".

Recolocacións en condicións “ridículas”

"As vacantes que ofrece a empresa non teñen un mínimo de calidade e a alternativa que lle queda ás traballadoras e traballadores é a de acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que  impiden conciliar", acrecenta. Unha situación que "vai acabar por obrigar algunhas traballadoras a marchar cunha indemnización mínima".

Naveiro critica que Inditex estea a "destruír emprego" e "precarizar as condicións do persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UXT", cando “o pasado ano foi cando máis millóns de beneficios obtivo, o que evidencia que podería recolocar todo o persoal afectado, garantindo as súas condicións tanto laborais como salariais". 

"Por iso se convoca a folga indefinida a partir do día 23 no Massimo Dutti das Cancelas. Unha convocatoria á que poderían sumarse máis tendas do resto das cadeas afectadas polos fechamentos", sinalou.

CCOO pide equiparar as subas do convenio coruñés

CCOO demandou esta quinta feira avanzar na mellora das condicións salariais e do poder adquisitivo do persoal de Inditex e solicitou á compañía estender e equiparar os pluses compensatorios, de beneficios ou de grandes empresas -como os conseguidos no convenio da Coruña- a todo o Estado. Así o expuxo o sindicato de cara á mesa estatal sobre Retribucións que comezará o próximo día 25 de xaneiro.

"O acordo entre CCOO, UXT e Inditex non ten validez na Galiza"

"O acordo de fechamento de tendas pactado entre CCOO, UXT e Inditex non ten validez, porque na Galiza quen ten a máxima representación é a CIG", afirma Carmen Naveira en declaracións a Nós Diario.

"Téñense que sentar coa verdadeira representación do persoal para negociar as condicións reais das traballadoras", denuncia a representante da CIG. "Unhas recolocacións que garantan a categoría, os horarios e os salarios", sostén.

Comentarios