Sindicatos convocan unha folga en banca para o 29 de febreiro en demanda de "melloras" no convenio colectivo

Mentres a banca declara beneficios estratosféricos, o persoal acumulou unha perda de poder adquisitivo de 10% nos últimos cinco anos, segundo a CIG.

Mobilización convocada pola CIG no pasado mes de decembro (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización convocada pola CIG no pasado mes de decembro. (Foto: Nós Diario)

Os sindicatos CIG, ELA, SEC (BBVA) e La Intersindical anunciaron unha folga nos bancos da Asociación Española de Banca para o próximo 29 de febreiro en demanda de melloras no convenio colectivo.

Segundo explicou a CIG nun comunicado, entre outras cuestións reclaman a recuperación do poder adquisitivo, que "poñan freo" á "presión comercial desmedida" e que "acaben" coa precarización do traballo neste sector.

As organizacións sindicais convocantes esperan que se sumen outros sindicatos á convocatoria e por iso anunciaron que se dirixirán a todos os que teñen representación na mesa para que se adhiran a esta convocatoria. "Compartimos a necesidade de convocar folga no sector, pero debe ser canto antes, non podemos seguir soportando máis desprezos da patronal", detallou a CIG.

Así, o comunicado da central sindical nacionalista engade que, para avanzar na consecución de melloras no convenio "é necesaria" a mobilización de todo o persoal, ante a deterioración das condicións laborais e o "clima laboral tóxico".

Por iso, tamén anuncian que apoiarán os paros parciais anunciados para o 26 de febreiro polos sindicatos estatais "sen perder de vista" a convocatoria de folga do día 29.

Negociación do convenio

A negociación do convenio iniciouse antes de que finalizara a súa vixencia en decembro de 2023. Segundo explica Rosa Conde, responsable do Sector Bancario da CIG-Banca, os sindicatos estatais decidiron denuncialo moito antes e abrir as mesas de negociación “porque supostamente había premura por alcanzar acordos, sobre todo en materia salarial”.

Lembra que no último convenio, hai cinco anos, a suba salarial fora dun 2,5%, independentemente dunha suba extraordinaria que pactaron a finais de novembro de 2022. En convenio estaba pactado un 1,25% para 2023 e pactaron subir un 4,50% para ese ano (un 3,25% máis). Denuncia que, porén, as empresas do sector pretenden aplicar agora unha suba salarial dun 8% para catro anos, ofrecendo un 2,75% para 2024, “cando o IPC xa fechou, no mes de xaneiro, a un 3,4%”.

Ante isto Conde denuncia que esta proposta de incremento salarial “non é de recibo”, máis cando a banca está declarando beneficios “estratosféricos” e o persoal acumulou, “tan só nos últimos cinco anos, unha perda de poder adquisitivo do 10%, tendo en conta só o IPC”.

Supresión de dereitos

Xunto a isto advirte de que a patronal “vén coa idea de suprimir dereitos que xa temos”. A este respecto, a responsábel do Sector Bancario da CIG-Banca explica que agora mesmo, en convenio, teñen unha mobilidade de 25 quilómetros. Até esa distancia non se considera traslado, pero a partir de aí si. “Isto limita a empresa a movernos porque está suxeita a unhas regras”.

Porén agora pretende impor unha mobilidade de 50 quilómetros. “Din que ao reducirse os cadros de persoal, como consecuencia dos ERES, agora non poden atender debidamente as súas necesidades de servizo nas oficinas e necesitan máis flexibilidade para mover ao persoal”, afirma Conde.

A resposta sindical é contundente. “Nós negámonos a iso”, di a representante da CIG que explica que ademáis que, no caso de Galiza, “esa mobilidade é moito máis lesiva porque temos que pensar que no noso territorio non hai transporte público como pode haber noutros territorios”. Uns desprazamentos nos que considera que inflúe tamén a orografía porque “non é o mesmo percorrer 50 quilómetros en Galiza que en Madrid ou no País Valencià”.

Toda esta situación ten provocado que os cadros de persoal estean “moi queimados” porque en “plena voráxine de beneficios que lles caen do ceo, pola suba de tipos de interese do BCE e porque non están remunerando os cartos da clientela, están recortando por todos os lados”.

Comentarios