O Sindicato de Circulación Ferroviario convoca oito paros de 24 horas en Adif para o mes de xullo

Evitan os inicios e finais de quincenas, así como as fins de semana, co obxectivo de afectar "o mínimo posíbel" as persoas usuarias.
O sindicato denuncia incumprimentos do convenio colectivo de Adif.
photo_camera O sindicato denuncia incumprimentos do convenio colectivo. (Foto: Adif)

O Sindicato de Circulación Ferroviario (SCF) vén de convocar oito paros de 24 horas para o persoal de Adif de cara aos días 4, 6, 11, 13, 18, 20, 25 e 27 do vindeiro mes de xullo. O obxectivo desta convocatoria é elevar as protestas pola falta de persoal e incumprimentos do convenio colectivo, que expira a finais deste ano.

SCF explicou nunha nota de prensa que as datas seleccionadas para estes paros evitan os inicios e finais de quincenas, así como as fins de semana, co obxectivo de afectar "o mínimo posíbel" os traxectos das persoas usuarias do ferrocarril.

Entre os motivos que levaron o sindicato a convocar estas xornadas de folga atópanse a falta de persoal e a fusión de bandas de regulación a cargo dun mesmo axente, "co consecuente perigo que supón para a seguridade na circulación de trens".

"Os traballadores de Adif e Adif Alta Velocidade están afectados por unha infinidade de incumprimentos por parte do ente público, que non respectou as cláusulas do seu convenio colectivo", denuncia o sindicato.

Así, SCF criticou as "violacións sistemáticas" dos gráficos de servizo que "están a levar a un fechamento indiscriminado de dependencias e á redución de persoal de servizo naqueles centros de traballo onde realizan a súa xornada máis dun traballador por quenda, coa consecuente perda de postos de traballo".

Adif, no foco polo xuízo do Alvia

O administrador estatal de infraestruturas ferroviarias está no foco esta semana por mor do xuízo polo accidente do tren Alvia de 2013, que encara a recta final cando vai facer dez anos a traxedia. A Fiscalía, contradicindo o seu argumentario inicial, anunciou esta terza feira a retirada dos cargos contra o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Comentarios