Fenda salarial: só 100 euros máis pequena que hai unha década

O último informe sobre a situación sociolaboral das mulleres en Galiza que elabora a CIG, relativo a 2019, debuxa un perfil marcado pola desigualdade respecto dos homes: asalariada no sector servizos, cuns ingresos situados no tramo dos máis baixos e responsábel, ademais, do coidado de menores ou persoas dependentes. Con estas conclusións, o sindicato nacionalista centrará a súa campaña para o 8-M no traballo de coidados, un ámbito fortemente feminizado, invisibilizado e precario.
enfermeiras en loita
photo_camera O sector sanitario e dos servizos sociais é un dos máis feminizados na Galiza (Enfermeiras en loita)

A s mulleres galegas perciben de media 21,4% menos salario que os homes, que cobran 21.327 euros anuais, polos 16.755 delas. Quere dicir que para obter o mesmo salario, terían que estender o seu calendario laboral até metade de marzo do ano seguinte. 

O dato, relativo a 2018, é un dos que se tiran do Informe da situación sociolaboral das mulleres na Galiza 2019 da CIG, feito público na xornada de onte, e realizado a partir da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) e dos datos de ingresos por salarios da Axencia Tributaria. 

 En cifras, o estudo fixa a fenda de xénero salarial en 4.572 euros anuais, o que supón só 100 euros  menos ano que a que existía unha década antes, en 2009, unha diferenza porcentual de -1,7. Para explicar esta "pequena aproximación", o Gabinete de Economía da CIG apunta, en boa medida, ao "empeoramento das condicións salariais dos homes, e non ás melloras das mulleres", durante os peores momentos da crise, segundo expón a responsábel do grupo, Natividade López Gromaz. 

Como explica, neses anos, os empregos máis prexudicados foron os menos precarios, é dicir, os maioritariamente masculinos, de maneira que, ao recuperarse o emprego desde 2013/2014, pero a través de emprego máis precarizado, a diferenza reduciuse.

Máis desigualdade

A situación de desigualdade vinculada ao xénero esténdese a todos os criterios que toca a análise, como ocorre no que ten a ver cos ingresos: sendo 47,6% das persoas asalariadas da Galiza, as traballadoras representan 58,9% das que cobran entre medio e un Salario Mínimo Interprofesional (SMI), mais só 18,3% das que perciben ingresos superiores a dez SMI, segundo os datos da Axencia Tributaria. Neles constátase unha sobrerrepresentación feminina nos tramos de menor renda e unha infrarrepresentación nos tramos máis elevados. 

Esas cifras elevan ademais a precarización e a desigualdade na última década: se en 2009 eran 33,5% as galegas cuxo salario era igual ou inferior ao mínimo interprofesional, unha década máis tarde a porcentaxe medra até 35,9%, e chega a 71,8% se se amplía o tramo ao 1,5 do SMI. O estudo sinala ademais que case unha de cada cinco galegas, 19,1%, tiveron uns ingresos inferiores a 2.197 euros anuais en 2018, cinco puntos máis que os homes. 

Para a CIG, este empeoramento das condicións laborais femininas débese a "cambios estruturais" relacionados co reparto do traballo nas distintas actividades económicas e tamén co cada vez maior peso do sector servizos, con actividades fortemente feminizadas e salarios baixos, ademais do aumento das xornadas parciais ou a menor duración dos contratos.

Mulleres e coidados

As actividades sanitarias e vinculadas aos servizos sociais son as que ocupan maior número de galegas, 85.100 mulleres, só por detrás do comercio (86.800) e sitúanse como os campos laborais máis feminizados, con até 85% de emprego feminino. Son, salienta a CIG, os campos onde se inclúen aquelas actividades de coidados, "onde os ingresos son menores", denunciou durante a presentación a responsábel do gabinete económico do sindicato.

O seu informe corrobora que as mulleres seguen a ser quen se responsabiliza das tarefas máis alá do ámbito profesional, tal e como indica López Gromaz: 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou dependentes na Galiza son mulleres, como tamén o son 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos.

Ademais, nove de cada dez persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de descendentes foron mulleres, e sete de cada dez as que reduciron ou suprimiron traballo remunerado por coidado de dependentes.

Parcial e temporal

A xornada parcial é, segundo o informe da CIG, outro "signo distintivo claro" do emprego feminino. Case unha cuarta parte das traballadores galegas (22,4%) tiña en 2019 contratos a tempo parcial, 117.000, fronte os 38.600 homes (6,7%). Ao atender aos motivos desa redución de xornada, 17,6% delas sinala os coidados. No caso dos homes, os coidados só representa 2,6% .

En canto á duración dos contratos, o estudo expón que o ano pasado se rexistraron 519.617 contratos, dos que 479.048 foron de carácter temporal. Ao poñer o dato en relación ao número de mulleres asalariadas con contrato temporal, 120.700, a media resultante é de catro contratos por traballadora e ano. 

Porén, hai cifras máis acusadas, como os 175.702 contratos  femininos de menos dunha semana ou os 62.114 de até un mes que se rexistraron en 2019, o que fai que practicamente a metade das contratacións femininas (48,9%) fosen dun mes ou menos de duración, e máis dun terzo (35,9%), de menos de sete días.

A fenda das pensións

E se a fenda de xénero no salario se sitúa en 21,4%, a desigualdade medra ao falar das pensións, onde a diferenza aumenta até 35,9%, cunha media de 647 euros no caso das mulleres (datos de 2018) que nos homes acada os 1.009 euros.  

Nas pensións por xubilación, o desnivel é aínda máis acusado, e acada 36,7%, que se deriva, segundo o informe da CIG, do menor número de anos cotizados das mulleres e dunhas bases de cotización máis baixas. A diferenza no tempo de cotización percíbese, di o estudo, xa desde o inicio da vida laboral e alcanza os dez anos no momento da xubilación. Tamén no tocante ás bases de cotización, estas son inferiores nas traballadoras desde o inicio da súa actividade económica, cunha diferenza de 182 euros respecto dos seus compañeiros en menores de 25 anos, e de até 425 euros entre os 45 e os 54 anos. En canto ás pensións contributivas, dous terzos corresponden a mulleres.  

Baixo o lema "Invisíbeis e Precarias. Pola valorización dos traballos de coidados" presentouse onte a campaña da CIG de cara ao 8 de marzo. Como explicou a responsábel da Secretaría da Mulleres, Margarida Corral Sánchez, o último informe sociolaboral da central sindical evidencia de forma "abrumadora" que as mulleres seguen a responsabilizarse destes labores, unha tarefa "invisibilizada" e na que "se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade".  Así, como sinalou Corral Sánchez, resulta "urxente" dar unha resposta á "violencia simbólica que supón a sobreexplotación abnegada das mulleres". 

Unha campaña do 8M centrada nos coidados

A campaña incluirá, o 4 de marzo, a celebración do VI Encontro Nacional de Delegadas, que terá lugar no Cersia, en Compostela, e a cuxo remate as asistentes sairán en manifestación cara ao edificio administrativo da Xunta "para denunciar a responsabilidade do Goberno galego como culpábel da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados", avanzou.
"Baixo o eufemismo do benestar, o sistema escraviza deliberadamente as mulleres, convertendo a miseria de moitas en cartos para uns poucos", censurou  a integrante da CIG, que denunciou ademais o desmantelamento de empregos de calidade que deberían ser públicos para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día ou residencias da terceira idade, entre outros.
Neste sentido, a CIG chama tamén a participar masivamente nas mobilizacións convocadas pola Asemblea Galegas 8M tanto o domingo 1 de marzo en Verín, como nas mobilizacións comarcais e locais do propio 8 de marzo.

Comentarios