Galiza reduce a fenda salarial por sexos e co Estado español

O Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu estudo de salarios a partir de fontes tributarias do ano 2020, constata que, a pesar da pandemia, Galiza logrou reducir a fenda salarial co Estado español e tamén a diferencia entre o que cobran homes e mulleres no país.
O salario medio das galegas aumentou no ano da Covid, mentres que o dos homes descendeu (Foto: Ministerio de Traballo / Arquivo)
photo_camera O salario medio das galegas aumentou no ano da Covid, mentres que o dos homes descendeu (Foto: Ministerio de Traballo / Arquivo)

O 2020 quedará na historia como o ano da pandemia da Covid. O virus fíxose notar en todos os aspectos da vida, tamén no laboral. Porén, segundo reflicte o estudo de salarios publicado recentemente polo IGE, as retribucións seguiron a tendencia ascendente que manteñen desde 2014 e marcaron un novo récord na Galiza, cun salario medio de 19.900 euros, 21 máis que o ano anterior e 1.600 máis que no 2010. 

Con todo a pandemia si que se fixo notar no número de persoas que recibiron un salario, que descendeu 3%, até as 1.023.742, con respecto a 2019. Tamén no feito de que só 62,4% das persoas asalariadas tivesen a súa retribución como único ingreso no ano, fonte 83,76% do anterior. 

Isto debeuse a que o número de persoas que recibiron unha prestación por desemprego ademais do seu salario duplicouse, ao pasar das 162.006 ás 335.275 en 2020, unha circunstancia atribuíbel ao alto número de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que se tramitaron.

Converxencia co Estado

O crecemento dos salarios permitiu no ano da pandemia reducir a diferencia da Galiza coa media estatal, pois a alza de 21 euros contrasta co descenso de 63 (pasa de 20.566 euros a 20.503) rexistrado de media no conxunto dos territorios do Estado español.

Esos 603 euros de diferencia marcan o mínimo histórico, mentres que o máximo alcanzouse en 2007 cando as diferenzas entre o salario medio anual na Galiza e en España  situáronse nos 1.344 euros.

Pero a redución da fenda salarial non só se deu a nivel de país; tamén entre sexos. Así, o salario medio anual das mulleres asalariadas galegas medrou 209 euros en 2020, mentres que no caso dos homes caeu 151 euros

Esta evolución reduce a diferenza entre os salarios medios de homes e mulleres até os 4.167 euros anuais. Ademais, aínda que máis baixo que o español, o salario medio das mulleres galegas aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

A banca gaña

Por sectores, as entidades financeiras e aseguradoras presentaron en 2020 o maior salario medio na Galiza (34.417 euros). Porén, son case 500 euros menos que hai un ano. 

Industria extractiva, enerxía e auga, Información e comunicacións e Servizos sociais foron os sectores que experimentaron un aumento salarial na Galiza o pasado ano. O resto dos sectores experimentaron unha caída do salario medio, especialmente acusada no caso dos Outros servizos persoais e de ocio (-14,7%), que pasa dos 9.967 euros de 2019 aos 8.491 euros de 2020, o que o sitúa tamén á cola en canto a remuneracións por sectores.

En comparación co Estado, Galiza só supera en salario medio anual ao conxunto de territorios nos sectores de Construción e actividades inmobiliarias e no sector primario, no que o emprego asalariado ten pouca entidade no país. 

Comentarios