O feche de Siemens-Gamesa nas Somozas chega a Bruxelas

Once eurodiputados e eurodiputadas envían un escrito á presidenta da Comisión Europea pedindo que desautorice a venda.
Protesta dos traballadores e traballadoras de Siemens-Gamesa nas rúas da Coruña (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protesta dos traballadores e traballadoras de Siemens-Gamesa nas rúas da Coruña (M. Dylan / Europa Press).

Once eurodeputados e eurodeputadas de distintas formacións políticas deron conta por escrito á presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, da situación das plantas de Siemens-Gamesa de Cuenca e As Somozas, ameazadas por un fechamento que, segundo relatan as persoas asinantes, "podería significar a destrución de 266 empregos directos e centenares de indirectos en rexións duramente castigadas pola crise e o desemprego".

As asinantes son Jordi Canas e Soraya Rodríguez (Cs), Ibán García, Nicolás González e Cristina Maestre (PSOE); José Manuel García-Margallo, Gabriel Mato, Francisco José Millán (PP); María Eugenia Rodríguez e Idoia Villanueva (Podemos); e Javier Nart (Renovar Europa). 

Todas apuntan na súa misiva á presidenta da Comisión que a decisión da multinacional "non ten unha xustificación económica nin industrial, posto que ambas as plantas xeran beneficios e teñen unha alta capacitación nunha industria punteira e en constante crecemento como é a do sector das enerxías renovábeis".

É máis, consideran que a decisión "parece estar determinada por aumentar os beneficios da empresa mediante prácticas de dumping laboral, ao concentrar a súa actividade nunha planta situada en Portugal con menores custos laborais".

A medida de suspender a actividade de ambas as instalacións é, ademais, "contraria ao espírito do Pacto Verde, aos obxectivos de transición xusta e inclusiva, á aposta por unha industria orientada á sustentabilidade ambiental, social e económica, e ás estratexias para reverter o proceso de despoboamento no que se atopan sumidas moitas rexións europeas", inciden as eurodeputadas.

Trátase, por tanto, dunha decisión "difícil de entender", xa que, segundo argumentan con datos da auditoría da empresa, a entidade rexistrou un nivel récord de pedidos en 2020, un nivel de liquidez "moi sólido" e unha previsión de obter uns 918 millóns de euros de beneficios.

Por iso piden expresamente a Von der Leyen facer "todo o necesario" para que as empresas que se benefician do marco de investimentos da Unión Europea que non teñen perdas e que se benefician dos recursos e capital humano nas zonas nas que operan "non poidan seguir estratexias contrarias aos obxectivos comunitarios".

Comentarios