A falta de persoal no FEVE lastra o funcionamento deste ferrocarril na Galiza

Concellos da liña de vía estreita denuncian o "abandono" de Renfe e Adif.
Unidade de ferrocarril de FEVE circulando por Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: Enrique Pernas).
photo_camera Unidade de ferrocarril de FEVE circulando por Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: Enrique Pernas).

A liña de ferrocarril de vía estreita (FEVE) que une Ferrol (Ferrolterra) con Ribadeo (A Mariña) continúa a ser fonte de queixas por parte dos municipios polos que pasa e, tamén, de colectivos de persoas usuarias. Aos trastornos do mes de abril causados polo fechamento da liña para efectuar unhas obras de mellora da seguridade, sumóuselle este verán a redución de unidades de tren e o incremento de pasaxeiras e pasaxeiros que, como denuncian desde a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, non se contabilizan pola falta de persoal de intervención. 

Desde a Confederación Xeral do Traballo (CXT) na Coruña, Beatriz Sánchez confirma a Nós Diario que un dos maiores problemas da liña “son ou poucos medios humanos cos que conta, sobre todo en maquinistas, interventoras e interventores”. O traxecto consta de 52 paradas entre estacións e apeadeiros e, por norma, deben efectuar todas desde Ferrol até Ortigueira. “A partir de Espasante, no concello de Ortigueira, son facultativas, só deben deterse se sobe ou baixa alguén”, explica esta sindicalista, “mais como non vai o interventor, o maquinista ten que parar por non saber que persoas baixan e onde”, engade.

Por este motivo, o percorrido total conta cunha duración que supera as 3.15 horas estipuladas. Nesta situación, os atrasos, segundo Sánchez, “son constantes”. É a razón, entende, pola que moitas persoas que o empregaban para ir ao traballo ou para ir estudar “sobre todo desde San Sadurniño, por serlles máis cómodo", deixaron de facelo. 

Perda da proximidade

Precisamente, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG), apunta a Nós Diario que o FEVE chegou a ser “un verdadeiro tren de proximidade para achegarnos a Ferrol”. Considera que a liña “case non tivo investimentos desde que se inaugurou”, chegando nos últimos anos a “quedar en desuso polo abandono de Adif e Renfe”. Para este alcalde, “seguimos nas mesmas, malia algúns investimentos en mellora de comunicacións, mais sen adaptar as frecuencias da xente”. Neste sentido, pon como exemplo o caso de Euskadi, “que despois de conseguir a transferencia, fixeron o FEVE de proximidade e con moitas frecuencias para que o utilice un numero importante de persoas”. 

Para o alcalde de Ribadeo, Daniel Veiga (PP), a situación é “lamentábel, sabémolo todos e estrañaríame que algún alcalde falara ben”. Tamén emprega, en conversa con Nós Diario, a palabra “abandono” e apunta que o Goberno español “leva anos prometendo investimentos que non se viron”. Lembra que é un “transporte público non só para as persoas, senón tamén para as mercadorías” e demanda unha "estratexia común para toda A Mariña, sen esquecer a demanda dun apeadeiro para a praia das Catedrais".

Por último, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro (PSdeG), considera, en declaracións a Nós Diario, "que a liña non funciona como debería”. O concello forma parte, desde 2016, dunha plataforma de alcaldes e alcaldesas da Mariña e Ortegal “co obxectivo de demandar melloras”. Para Loureiro a situación “é unha pena” e demanda “tomar as medidas oportunas” neste tema.

Menos unidades na Galiza por atender outros territorios

Este verán, a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciou que Renfe “desprazou” varias unidades de proximidade de Ancho Métrico desta liña cara a outros territorios do Estado español. A través dun comunicado, afirmaron que se enviaron até Asturias “para facer un reforzo especial para o Descenso do Sella”, mais unha vez rematado o evento, “non volveron á Galiza".

Este colectivo contabiliza un total de tres menos “das oito unidades que están asignadas por Renfe a Galiza, coas que se manteñen os servizos con normalidade”. Critican tamén que Renfe leve unidades en funcionamento da Galiza cara a Cantabria ou Asturias que “contan con talleres con moitos máis medios".  Diante desta situación, a plataforma alerta de que “en caso de avaría ou revisión dalgunha unidade, caeremos no desastre das supresións de servizos”.

Comentarios