O BNG exixe unha investigación "profunda" sobre o descarrilamento do tren en Valdeorras

Para a deputada nacionalista Noa Presas, este novo descarrilamento "pon o foco sobre o mantemento e as condicións de seguridade das vías galegas, singularmente das vías do interior do país e da liña do Miño, que foi protagonista de recentes problemas ou descarrilamento".

 

A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O BNG exixiu unha investigación "profunda" do descarrilamento o pasado 23 de agosto do tren de mercadorías en Vilamartín de Valdeorras, así como revisar a seguridade da liña entre Vigo e Valdeorras.

Para a deputada nacionalista Noa Presas, este novo descarrilamento "pon o foco sobre o mantemento e as condicións de seguridade das vías galegas, singularmente das vías do interior do país e da liña do Miño, que foi protagonista de recentes problemas ou descarrilamento".

Presas remarca que "xa en agosto de 2020 descarrilaban vagóns dun tren de mercadorías tamén en Valdeorras". "Este descarrilamento foi protagonista dunha gran polémica pois ADIF verteu os vagóns ao río Sil e acabou por ser multada e obrigado á súa retirada", lembrou.

Ademais, apuntou, en xaneiro de 2023 descarrilaron consecutivamente dous trens de mercadorías na liña Santiago-Ourense. Tamén en xaneiro un desprendemento interrompía a circulación de trens en Monforte e en decembro de 2022 "ocorría algo similar na liña da Mariña".

"A recorrencia destas situacións e a súa presunta atribución ás inclemencias climáticas, ben sexa por altas temperaturas, ben pola incidencia das choivas, é enormemente preocupante e require dunha vixilancia activa por parte das institucións", sinalou.

Por iso, o Grupo parlamentario do BNG no Pazo do Hórreo solicitou da Xunta a súa implicación xa que, "é necesario exixir ao Goberno do Estado a súa máxima investigación e que achegue a información da que dispón desde o ámbito das súas competencias".

Os nacionalistas queren saber ademais cal é a valoración do Goberno galego do descarrilamento de vagóns e que actuacións respecto diso vai exixir, como valora a aplicación do protocolo transgal e cantas veces se palicou desde a súa existencia, así como saber se o Executivo galego "vai facer algún estudo ou investigación ao amparo das súas competencias en materia de emerxencias, seguridade e consumo.

Transparencia

Así mesmo, avanzan que instarán a Xunta a demandar do Goberno do Estado "a máxima transparencia e dilixencia" nas investigacións das causas dos descarrilamentos producidos na Galiza nos últimos meses e a realizar unha auditoría integral das vías que discorren polo territorio galego para "garantir a súa máxima seguridade e mantemento".

Advirten a este respecto que, de non conseguir a realización desta última actuación, "a Xunta deberá empregar todas as vías posíbeis para que se realice, incluída a xudicial, así como o emprego de medios propios para recadar a avaliación necesaria".

Comentarios