Máis un accidente laboral mortal na Galiza. Desta vez, na Estrada, onde un operario faleceu na mañá da quinta feira após caerlle enriba un pau cando traballaba no monte.
Segundo o 112, o home traballaba xunto con outros compañeiros nunha zona de monte da parroquia de Tabeirós cando o golpeou un grande anaco de madeira.
Así o contaron as persoas que estaban coa vítima e que chamaron o 112 Galiza para pediren asistencia médica urxente debido ao “estado preocupante no que se atopaba o operario”.
Foi entón cando o 112 avisou ás Urxencias Sanitarias do 061, que decidiron mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Compostela, mais a operación, finalmente, anulouse polo falecemento do traballador.
Galiza, á cabeza da incidencia
Galiza continúa á cabeza en índice de incidencia en sinistros laborais mortais, ao practicamente duplicar as cifras do conxunto estatal. Así, mentres no Estado a incidencia é de 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadores, na Galiza a cifra ascende a 6,05.
A incidencia aumentou á volta do confinamento á "nova normalidade".
Entre as causas desta elevada sinistralidade desde a CIG apuntan a un crecemento de persoal procedente das empresas de traballo temporal (ETT) e ao aumento de servizos externalizados "como as empresas multiservizos, falsas autónomas ou Centros Especiais de Emprego que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais".